O erro dun deputado do PP salva a reforma laboral de PSOE e Unidas Podemos

Pedro Sánchez, Yolanda Díaz e María Jesús Montero no pleno de onte. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O Congreso valida o Real Decreto-lei da reforma laboral por 175 a 174 votos, grazas ao erro dun deputado do PP que votou telematicamente a favor da reforma, o que permitiu que fora validada.

Ás 18.30 desta quinta feira, a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, daba conta dos resultados da votación que valida o Real Decreto-lei coa reforma laboral proposta polo Executivo español, aceptado por 175 votos a favor e 174 en contra.

Ademais das forzas do Goberno de coalición, PSOE e Unidas Podemos, optaron por apoiar o texto Ciudadanos, o Partit Demòcrata Europeu Català, Más País, Compromís, Coalición Canaria, Nueva Canarias, Partido Regionalista de Cantabria e Teruel Existe.

Pola contra, negáronse a validar o documento o Partido Nacionalista Vasco, EH Bildu, Junts, Esquerra Republicana de Catalunya, Candidatura d’Unitat Popular, Bloque Nacionalista Galego, Foro Asturies, Partido Popular, Vox, Unión del Pueblo Navarro e un ex deputado de Ciudadanos.

Aínda que pola distribución de escanos de cada quen a proposta quedaría derrogada, o erro dun deputado do PP que votou telematicamente a favor da reforma permitiu que fora validada.

Nunha sesión lexislativa na que entre as palabras máis repetidas estiveron “parche” ou “estafa”, a primeira en intervir foi a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, que cualificou a reforma laboral como “a norma máis importante da lexislatura”.

Díaz agradeceu a “xenerosidade” das patronais Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e da Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa, así como dos sindicatos Comisións Obreiras (CCOO) e Unión Xeral de Traballadores (UXT), que pactaron a reforma no que denominou “diálogo social”.

Amais, vangloriouse de acabar coa “cultura da precariedade” e de “limitar” a posibilidade da contratación temporal, subliñando que non había ningunha outra opción sobre a mesa no caso de que o Real Decreto-lei non recibira a validación do lexislativo, ou aceptar a proposta sen modificar ou “confirmar para sempre” a reforma laboral do PP en 2012.

Non obstante, a reforma do PP non quedou derrogada -como prometera Díaz ao acceder ao gabinete- coa validación da norma, de feito, consolida aqueles aspectos que non foron abordados no texto impulsado polo Goberno presidido por Pedro Sánchez.

Aumento das axudas aos sindicatos estatais

Pola súa parte, o PP incidiu no incremento das axudas aos sindicatos españois que deron sustento á norma, aos que culpou de vender “literalmente” o seu silencio a cambio de apoiar xunta a patronal o Real Decreto-lei.

O voceiro da formación no Senado, Javier Maroto, denunciou, baseándose nos datos procedentes do Executivo estatal, que a subvención a CCOO pasou de catro a seis millóns de euros, mentres a de UXT elevouse de 3,6 a 5,3 millóns de euros.

Promesas incumpridas

Tamén se amosou moi crítico coa proposta do Goberno estatal o deputado do BNG, Néstor Rego, que inculpou o gabinete por non modificar os elementos chaves da reforma do PP, “non tocan as facilidades e o abaratamento dos despedimentos, a prevalencia dos convenios estatais, a facultade das empresas para cambiar as condicións de traballo ou a distribución  irregular da xornada até o 10%”.

Para Rego, “esta proposta é a expresión do incumprimento das súas promesas e compromisos, e non sirve para recuperar dereitos para as traballadoras e traballadores”, e dirixiuse a Díaz sinalando que “terá que explicar porque tendo maioría parlamentar non quixeron recuperar a indemnización de 45 días por ano nos despedimentos improcedentes, optaron por seguir os ditados da Unión Europea e contentar os empresarios”. “Que teñan que aprobalo cos votos da dereita ultra liberal é a mellor imaxe práctica”, concluíu.

“A próxima vez non lles envíen unha tanqueta”

Unha das intervencións máis elocuentes da sesión foi a de Gabriel Rufián, voceiro de ERC, que acusou a Díaz de falar moito dos traballadores do metal de Cádiz (que estiveron en folga reclamando mellores condicións laborais) e recomendou que “a próxima vez non lles envíen unha tanqueta” para reprimilos.
Nese sentido, apuntou que non é bo sinal que estean de acordo coa proposta tanto a patronal como Fátima Báñez (a ministra do PP que fixo a reforma laboral de 2012 e que agora traballa na CEOE).

Rufián xustificou o voto negativo da forza catalá en que, por unha banda, “as leis fanse no Congreso, e se vés dicindo isto é o que hai e non se pode cambiar é que pensas que é unha notaría e non a sede da soberanía”, e pola outra, que os cambios reais que ofrece para a clase traballadora son mínimos.

O custo do despedimento improcedente antes e despois deste Real Decreto-lei non cambia, criticou, nin se modificaron os salarios de tramitación, os que ten que pagar a empresa até que a Xustiza decida sobre o despedimento, que se manteñen en cero euros, salientando que isto non mudou porque nin Díaz nin o Goberno estatal quixeron que así fora.

“O diálogo entre a patronal e os sindicatos españois non é nada máis ca iso, non é un diálogo social”, cuestionou na súa quenda Míriam Nogueras, de Junts, subliñando que a reforma laboral de PSOE e Unidas Podemos está feita á medida das grandes empresas, e ignora o 99,8% das compañías catalás. “Pregáronse aos mesmos que se pregou o PP”, resolveu.

Unha das forzas que pactara coa coalición gobernamental a derrogación da norma do PP de 2012 foi EH Bildu, a súa voceira, Mertxe Aizpurua, salientou que deixan “indefensa a clase traballadora” ao non tocar os “aspectos máis lesivos” da Lei orixinal.

Laiándose dunha “oportunidade perdida” e da renuncia da coalición a “recuperar dereitos”, Aizpurua declarou que isto xa o “saben Ciudadanos, UPN, PDeCAT, a CEOE, Fátima Báñez e Ana Botín -presidenta do Banco Santander-, e por iso apoian esta reforma”.

Tramitación como Proxecto de lei

Na sesión tamén foi rexeitada a tramitación do Real Decreto-lei como Proxecto de lei, o que permitiría debater e votar as emendas dos grupos á reforma laboral impulsada polo Goberno de Sánchez.