Comeza a conta atrás para o referendo do 1-O: Junts pel Si e CUP rexistran a Lei do Referendo

Lluís Corominas, presidente do grupo parlamentar de JxS, asegura que todo se vai facer "dentro das normas e da lei." Benet Salellas, CUP, dixo que esta lei era unha “lei de país”. 

catalunya rexistro le referendo @JuntsPelSi
photo_camera Rexistro da lei de referendo no Parlament. Imaxe: @JuntsPelSi

A Lei do Referendo está asinada por todos os deputados e deputadas de Junts pel Si e a CUP, nun xesto simbólico co que expresar unidade e determinación de cara a afrontar a recta final do referendo do vindeiro 1 de outubro. Unha recta final que comeza esta segunda feira, 31 de xullo, coa presentación no rexistro do Parlament da lei que ha permitir que se realice ese referendo. Ambos os dous grupos inician o trámite da norma poucas horas antes de que o Tribunal Constitucional teña a xuntanza na que posibelmente tombe a reforma do regulamento do Parlament pensada para ‘axilizar’ a desconexión.

Lluís Corominas, presidente do grupo parlamentar de Junts pel Si, sinalou que a lei rexistrouse polo trámite de urxencia extraordinaria e incidiu en que todo vai decorrer no marco do “regulamento e a legalidade”. No rexistro da norma estivo acompañado por  Jordi Orobitg e Marta Rovira (JxS) e Benet Salellas e Gabriela Serra, da CUP. Benet Salellas á súa vez dico que esta norma era unha “lei de país” e anunciou que procurarán apoios para alén de JxS e CUP, nunha mensaxe dirixida a Catalunya si que es Pot.

Calendario

Segundo Nació Digital, o calendario dos independentistas pasa por reunir a Mesa do Parlament o 16 de agosto e decidir aí se admite ou non a trámite esta lei. Ciudadanos e PSC reclamaron a pasada semana que a Mesa se reunise tan pronto se presentase a norma que posibilita o referendo mais esa solicitude foi desbotada pola maioría.

Comentarios