Entrevista

Mikel Otero (EH Bildu): "A eólica non pode avanzar en detrimento doutras actividades como a pesca"

O desenvolvemento da eólica mariña na Galiza, que actualmente concentra catro de cada dez megawatts tramitados a nivel estatal, así como a inminente aprobación dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), segue a marcar estes días a axenda mediática. É por iso que Mikel Otero, deputado de EH Bildu no Parlamento vasco, conversa con 'Nós Diario' para esclarecer as propostas en materia de desenvolvemento enerxético da formación soberanista a teor dunha outra entrevista da que se fixo eco este xornal, que recolleu un extracto da mesma que facía alusión á Galiza e mais a súa costa atlántica. "Non rexeitamos a eólica mariña nin defendemos que Iberdrola vaia á Galiza a espoliar os seus recursos", apunta.
Mikel Otero, deputado de EH Bildu no Parlamento vasco. (Foto: Josu Chavarri)
photo_camera Mikel Otero, deputado de EH Bildu no Parlamento vasco. (Foto: Josu Chavarri)

—Na súa Estratexia enerxética para unha transformación ecosocial en Euskal Herria amosan un certo escepticismo en relación coa eólica mariña por mor do "insuficiente desenvolvemento tecnolóxico" e a falta de estudos previos sobre o seu potencial no momento actual, se ben abren a porta ao seu impulso de cara ao futuro. Cal é o posicionamento de EH Bildu en materia de eólica offshore?
Abordamos a nosa estratexia co obxectivo de tentar sermos autosuficientes cun elemento tan esencial como é a enerxía. A día de hoxe faltan estudos de medición potencial e sabemos polo que teñen dito persoas expertas, mesmo en relatorios sobre a descarbonización que decorreron no Parlamento vasco, que a eólica mariña presenta dous problemas. Por unha parte, a altura significante das ondas, que supón un problema para a flotabilidade [no caso da eólica flotante], e por outra, que o recurso eólico entra de oeste a leste, desde o Atlántico, e chegando ao Cantábrico vai perdendo forza.

Nós cremos que hai que investigar e desenvolver a eólica mariña, cun impulso público e privado, pero o lóxico é que se vaia desenvolvendo de oeste a leste. Alén da posibilidade da eólica flotante, temos outra alternativa, por ancoraxe, a pouca profundidade, se ben no Cantábrico esta técnica ten o problema de que moi rápido atopas unha alta profundidade. Cumpriría comezar nos lugares onde menos profundidade hai e analizar o investimento en termos tanto económicos como enerxéticos, ver se entramos no rango de rendibilidade, canta enerxía precisamos e como de eficiente é en función das condicións do vento, que no Atlántico é máis forte.

Hai que estudar todas as posibilidades da eólica mariña e as súas potencialidades antes de incluíla nos plans estratéxicos

É unha cuestión de seguir a secuencia lóxica neses termos de investimento económico e enerxético, que veña desde o Atlántico, na Galiza e Portugal, e logo pase a Asturias, Cantabria e, loxicamente, Euskadi. Cremos que hai que estudar todas as posibilidades da eólica, mais con coidado de non atribuír un posíbel potencial a unha enerxía que aínda non demostrou a súa viabilidade. Mentres non se desenvolva e entre nese rango de rendibilidade, non pode entrar nos plans estratéxicos.

—EH Bildu, pois, non se opón ao desenvolvemento propio da eólica mariña.
Non. Cómpre aclarar que desde EH Bildu non rexeitamos a eólica mariña, e sinto se alguén puido malinterpretar ou ver unha versión distorsionada da nosa proposta, pois por suposto que respectamos a soberanía popular vasca e galega e non defendemos colonialismo ningún. E tampouco falamos de que empresas vascas como Iberdrola vaian á Galiza a facer negocio e espoliar os seus recursos, nunca defendemos iso, senón de impulsarmos aquí a nosa propia industria. Dentro da cadea de valor temos moitas empresas que fabrican compoñentes e é importante atender ao desenvolvemento da eólica mariña aló onde vaia dado, porque iso redunda na creación de emprego. Temos aí un posíbel mercado que se irá abrindo a nivel mundial.

A eólica non pode ir en detrimento doutras actividades como a pesca

A nosa estratexia é clara: seguir apostando no I+D. E é moi importante que a eólica mariña se desenvolva seguindo uns criterios claros de planificación territorial, coas súas respectivas zonas de exclusión e sempre desde un estrito cumprimento en materia de medio ambiente. De feito, sabemos que na Galiza o mapa da eólica mariña bate con algúns dos caladoiros máis produtivos, e iso non se pode permitir. Da mesma forma que acontece coa eólica terrestre e a enerxía fotovoltaica, as renovábeis non poden ir en detrimento doutras actividades económicas.

—Na Galiza e Euskadi dáse unha mesma circunstancia: as multinacionais andan á espreita perante proxectos de grandes dimensións.
O caso galego e o noso son diferentes en materia enerxética. Na Galiza hai hoxe instalados case 4.000 megawatts (MW) de eólica e xa xera máis enerxía da que consome, polo que igual cómpre mudar a formulación e pensar doutra forma. En Euskadi temos só 153 MW instalados de eólica e, aliás, só xeramos a metade do que consumimos.

—Cómpre priorizar o consumo a pequena escala, as instalacións cativas e o repotenciamento das xa existentes antes de dar paso a renovábeis de grande envergadura?
Na nosa estratexia apostamos nas pequenas instalacións, facilmente democratizábeis, mais tamén somos conscientes, debido ao noso gran consumo, de que precisamos renovábeis a todo tipo de escalas, tamén a media e grande, para responsabilizarnos do noso propio consumo. Sempre, por suposto, partindo dunha planificación territorial, con zonas de exclusión e restricións ambientais.

E cunhas instalacións a grande escala que non recalen en multinacionais, senón desde o sector público. A Administración debe ter a capacidade de tomar parte para que a enerxía teña unha función social, que contribúa ao desenvolvemento socioeconómico e que reverta, por exemplo, en prezos máis baixos da electricidade. É esencial neste proceso democratizar a enerxía a todas as escalas.

Comentarios