A Xunta rexeita valorar o informe de Contas sobre a repartición de subvencións na Deputación de Ourense

O PSdeG denunciará ante a Xustiza o que considera un "ataque á esencia mesma da democracia".
Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá, nunha imaxe de arquivo (Foto: Deputación de Ourense).

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, volveu rexeitar esta sexta feira, na Comisión de Economía do Parlamento galego, entrar a valorar informes do Consello de Contas sobre a repartición de subvencións por parte da Deputación de Ourense para "non vulnerar a autonomía local".

O pasado mes de xuño, na mesma comisión parlamentaria, Prieto xa se negara a valorar, por considerar que sería unha "inxerencia", un informe de Contas no que, entre outras cuestións, se reproba que a Deputación outorgase sen concorrencia arredor de 80% de contratos e subvencións en 2018.

Na mañá desta sexta feira, o deputado socialista Juan Carlos Francisco Rivera cargou contra o "clientelismo" e " enchufismo" por parte da Deputación de Ourense, que realiza unha "ninguneo" á poboación que reside en municipios non gobernados polo PP. Así, referiuse tanto ao informe de Contas de 2018 como a outro máis recente que avalía o período entre 2003 e 2019 e que revela como a Deputación "reparte fondos públicos dun modo absolutamente arbitrario".

A respecto diso, Prieto insistiu en que "a Xunta non ten ningún tipo de competencia" na adxudicación desas subvencións provinciais. "Non faremos valoración sobre o que non temos coñecemento", concluíu. Por tal motivo, a directora xeral de Administración Local considerou que non lle corresponde "valorar", "opinar" nin "analizar" esa situación. "Non tería ningún sentido un intervencionismo afastado do actual sistema democrático", sostén.

Na súa quenda de réplica, o deputado socialista censurou que o "cinismo da Xunta é demoledor neste sentido". Lembrou que o Goberno galego, as e os conselleiros e o propio presidente, Alberto Núñez Feixoo, "opinan absolutamente de todo" no Parlamento, "da autonomía local, estatal, europea e ata do 'sursum corda'". A modo de exemplo, dixo que, nun pleno, Feixoo realizou un "ataque furibundo" no que "pasaba isto da autonomía local polo arco do triunfo". Por todo iso, cualificou de "lamentábel" a resposta da directora xeral de Administración Local.

O caso de Verín

Juan Carlos Francisco falou do caso do municipio de Verín como "paradigmático" do que acontece coas subvencións da Deputación. Explicou que mentres estivo gobernado polos populares recibía "entre 700.000 e 800.000 euros" ao ano, mais desde que accedeu á alcaldía o PSdeG en 2015 "non recibiu un só euro en seis anos", a pesar de ser "o concello máis poboado" após a capital.

Con todo, indicou que algúns concellos limítrofes dun milleiro de habitantes reciben "400.000 euros ao ano" pola "cor política" do PP. Por tal motivo, o socialista advertiu de que a Xunta ten que afrontar este tipo de cuestións que "atacan a esencia mesma da democracia". Aliás, avanzou que o PSdeG "vai acudir aos tribunais" co soporte dos informes do Consello de Contas para que "se corrixa esta situación".

Comentarios