Que papel xogará José Manuel Baltar no PP de Rueda?

Alfonso Rueda será un presidente da Xunta da Galiza e do PP sen poder real na formación. A súa propia chegada ás máximas responsabilidades do partido e do Goberno galego é resultado dun acordo entre os baróns provinciais, que retoman o poder perdido durante a época de Feixoo. Tanto é así, que o novo Executivo galego contará con cotas territoriais.

Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense (Foto: Deputación de Ourense).

José Manuel Baltar é o barón por excelencia dos populares galegos. Á presidencia do partido en Ourense, suma a máxima responsabilidade na Deputación, o que lle permite dispor dunha ferramenta, da que carecen Diego Calvo e Elena Candia, para controlar a circunscrición e estabelecer relacións de dependencia cos alcaldes e principais cadros do PP na provincia.

O pirixel de todas as intrigas

Baltar sábese forte e así actuou en todo o proceso de relevo de Feixoo. Nesta liña, foi o pirixel de todas as intrigas no proceso de recambio na Xunta da Galiza e do PP, facendo valer o seu peso na esfera orgánica e na institucional. Sexa cal for, o seu novo papel concreto nesta nova etapa dos populares na Galiza ninguén dubida que Ourense quédaselle pequeno.

O barón ourensán foi o primeiro dirixente do partido en marcar territorio no proceso de recambio de Feixoo. Ao tempo que nos medios de comunicación facía valer o seu peso e condicionaba o apoio a Rueda á celebración dun congreso, internamente movía pezas canda Diego Calvo e sectores do PP de Lugo para situarse mellor de cara ao novo escenario. Precisamente, canda o primeiro xa trazara unha táctica conxunta en 2017, cando se agardaba a marcha do presidente galego a Madrid para herdar a Raxoi.

José Manuel Baltar Blanco é moi diferente a José Luís Baltar Pomar. Mentres para o pai Ourense era a medida de todas as cousas e a presidencia da Deputación cubría todas as súas aspiracións políticas, para o fillo a corporación provincial sempre tivo un carácter instrumental para chegar a novas metas e acadar outros obxectivos.

As ambicións de Baltar

As ambicións do presidente do PP en Ourense céntranse na esfera orgánica e institucional. Segundo diversas fontes populares consultadas por Nós Diario, algunhas delas próximas ao círculo de Baltar, este tentaría situarse como número dous da formación, tras Rueda, ocupando a secretaría xeral ou unha vicepresidencia única criada para el. Porén, ostentar a secretaria xeral do PP galego, obrigaríalle, como recollen os estatutos da formación, a deixar a presidencia do partido en Ourense.

O mandatario ourensán tamén deixará notar o seu peso no Consello da Xunta. A este respecto, desde o seu círculo dan por feito da presenza de xente Baltar no próximo Goberno galego, pondo fin ao acontecido no 13 anos de Feixoo, onde ficou excluído do Executivo galego. Estas mesmas fontes, sinalan a Nós Diario que o PP de Ourense aspira a quedarse coa Consellaría de Medio Rural, actualmente en mans dun adversario de Baltar, José González, e que tamén ambiciona a presidencia do PP de Lugo, Elena Candia.

Baltar ten claro que o seu poder na circunscrición aséntase no Goberno da Deputación. Malia que a curto prazo aposta por manterse na mesma, o histórico barón ourensán non descarta perder a presidencia da Deputación ourensá nos comicios locais de 2023. Precisamente isto, tería contribuído a tentar resolver cando antes o seu futuro político, para poder facelo cunha posición de forza e non como un candidato derrotado nas urnas.

Unha parte das incógnitas sobre o futuro de Baltar resolveranse o 21 e 22 de maio no marco de XVIII congreso dos populares galegos. Ninguén cuestiona que do mesmo saíra reforzado pero falta saber con canto poder. Porén, o destino de Baltar xogarase en maio do ano que vén na circunscrición de Ourense, nunhas eleccións locais que tamén marcarán as posibilidades de Rueda na Galiza e de Feixoo no Estado

Comentarios