Os sectores críticos de Podemos piden non acudir á asemblea das marés e instan a concorrer en solitario

Acusan os tres alcaldes promotores do manifesto de “traizón” e refusan facer parte nunha marea galega cuxo proceso de confluencia xulgan "mal feito, sen lexitimidade democrática".

Xuntos Podemos Carlos Armada Xosé Zapa Eusebio önega
photo_camera Carlos Armada, Xosé Zapata, Eusebio Ónega

A 48 horas da Asemblea Cidadá de Podemos Galiza e a 72 da Asemblea Constituínte das marés impulsada polos alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol, as augas baixan revoltas. Os sectores críticos de Podemos Galiza compareceron unidos esta cuarta feira en Santiago para facer un chamado a non tomar parte na cita do sábado 30, a promovida polos 'rexedores do cambio' e avogaron porque Podemos concorra en solitario nas eleccións galegas. Unha posición que, con matices, partillan Xuntos Podemos, Inscritos de Podemos Ferrol e secretarios municipais dunha decena de localidades galegas.

“A asemblea do día 30 [promovida polo manifesto dos alcaldes de Compostela, Ferrol e Coriuña] non ten garantías democráticas abondo. Por iso pedimos que Podemos non participe” (Xosé Zapata)

Carlos Armada, de Xuntos Podemos, criticou a decisión do Consello Cidadán de que Podemos concorra na Marea á cita coas urnas deste outono e afirmou que iso era algo que deberían decidir as bases. Puxo no disparadeiro a Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez lembrándolles que “están nas alcaldías grazas ao apoio de Podemos”. Unha liña que proseguiu Eusebio Ónega, secretario de Ames, afirmando que os rexedores “en ningún momento” chegarían a ese posto se non fose polos votos da xente que quería votar Podemos. Que agora, sostén, os alcaldes opten por construír unha outra organización na que se dilúa Podemos é, dixo, “unha traizón”.

Tamén o terceiro comparecente, Xosé Zapata, secretario de Arzúa, puxo en dúbida a lexitimidade dos tres alcaldes para impulsar este proceso de cara aos comicios galegos. Lexitimidade que, reiterou en varias ocasións na intervención, si que terían “Carmen Santos, Beiras e Yolanda Díaz”, sinalou.

Sen garantías democráticas

Os representantes destes sectores críticos afirmaron que nin En Marea nin Mareas en Común “cumpren os estatutos de Podemos”, e que se ben antes apostaron nestas confluencias entenden que agora é tempo “de dicir basta”. Por iso consideran que Podemos non debería asistir á asemblea constituínte do día 30. Unha reunión que “non ten garantías democráticas suficientes” para Xosé Zapata. O secretario de Arzúa, nunha postura que afirmou que partillaban responsábeis do partido doutras localidades, defendeu que Podemos concorra en solitario. “A mellor forma de derrotar a Feijóo e que chegue o cambio” é que a formación liderada por Carmen Santos se presente por si propia, dixo. Carlos Armada tamén se pronunciou a favor desa vía de non se cumprir unha serie de requisitos, como o de primarias abertas e o de que Podemos sexa motor e trabe principal de calquera confluencia: “Xa fomos moi xenerosos no pasado”.

“Os tres alcaldes que impulsan o proceso están nas alcaldías grazas a Podemos” (Carlos Armada)

Armada tamén se referiu ao nome que desde hai semanas soa como candidato das mareas, Luis Villares, para anunciar que “non o admitimos” como nome de consenso. “O candidato ten que saír das bases”, sen cotas de poder, manifestou. Preguntado polos xornalistas se Villares lles valería se saíse dunhas primarias abertas, o de Xuntos Podemos replicou que a un proceso dese tipo de primarias “pode presentarse quen queiras, Villares e mesmo Mariano Rajoy”.

Defensa de Podemos

Nas intervencións destes voceiros do sector crítico insistiuse na defensa de Podemos como partido e non como un proxecto que pase a se diluír noutra entidade política. Criticaron os posicionamentos nas marés e confluencias para “excluír” os partidos políticos. Eusebio Ónega foi o máis directo nesta cuestión: “Que Podemos concorra só ás eleccións e se saque a toda esta xente de enriba”, dixo após criticar os alcaldes das marés. Ónega considera que se está a dar un proceso polo que “a vella esquerda nacionalista, que está en declive, quere fagotizar Podemos” e acusou o nacionalismo de levar décadas con esa práctica: “entrar en movementos para controlalos” e se non pode, engadiu, destruílos.

“Que Podemos concorra só ás eleccións e se saque a toda esta xente de enriba” (Eusebio Ónega)

Acatarán os críticos a decisión de participar na asemblea das marés do 30 e concorrer en coligazón se así o decide a asemblea de Podemos Galiza desta sexta feira? “Acataremos calquera decisión adoptada democraticamente”, responderon. Mais engadindo que se non se reúne “o 98% de apoio que no seu momento houbo a ir En Marea será un fracaso” (Zapata). E advertindo, Armada, que “Xuntos Podemos non vai admitir que a marca Podemos se dilúa”. Todo un órdago do sector crítico ás portas de dúas asembleas decisivas para articular o espazo das marés de cara a unhas eleccións que son en outono.

Carme Santos

Sobre a rolda de prensa desta mañá de críticos de Podemos Galiza, a secretaria xeral do partido, Carmen Santos, sinalou que "respecto a liberdade de que certa parte das bases manifeste a súa opinión e precisamente por iso é tan importante que se asista esta sexta feira a Santiago, á asemblea que celebraremos para finalizar o proceso de participación que se abriu hai dúas semanas coas reunións abertas que se celebraron en cada unha das provincias".

Comentarios