Construiranse até 300 novos hoteis na costa galega? Así é a Lei do Litoral da Xunta

O anteproxecto arranca baixo a sombra da sospeita do futuro de Ence.
O Goberno galego realizou onte a súa xuntanza semanal en San Caetano, Compostela, sede central da Xunta da Galiza (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O Goberno galego realizou onte a súa xuntanza semanal en San Caetano, Compostela, sede central da Xunta da Galiza (Foto: Xunta da Galiza).

O Consello da Xunta deu onte o visto e prace ao anteproxecto da Lei de ordenación do litoral da Galiza, cumprindo así a advertencia que o presidente galego, Alfonso Rueda, fixera en setembro en resposta á negativa do Goberno español a transferir as competencias de litoral. 

A conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Ángeles Vázquez, compareceu onte canda Alfonso Rueda após o Consello da Xunta para explicar as chaves dunha lei que agarda que estea aprobada en 2023 e que ninguén desbota que pode derivar nun conflito de competencias co Goberno español.

O proxecto nace coa finalidade de "regular a franxa litoral e dar  seguridade xurídica" a instalacións e actividades na costa galega, segundo Vázquez. Unha finalidade que volve traer a 'sombra' de Ence e a súa continuidade, algo defendido polo Goberno galego ao longo destes anos e que desde colectivos ambientalistas sospeitan —como sinalaron no seu día Adega, a Plataforma en Defensa da Ría ou Greenpeace— que pode ser unha das motivacións da Xunta para regular o litoral. O anteproxecto que arrinca agora a súa tramitación quer actuar en dous parámetros,  "mar adentro até 12 millas" e "terra adentro, na zona intermareal", segundo a conselleira.

Zonificación

Vázquez explicou que se estabelece unha zonificación do litoral galego en tres áreas distintas, en dúas das cales estarían permitidas as actividades económicas se ben de diferente tipo.   

Ao tempo, fíxanse unha serie de usos que se poderán desenvolver segundo as zonas, con determinadas actividades que si poderán facerse en dominio público como as ligadas aos estabelecementos de mar-industria; ou nas zonas de servidume como aquelas que teñan a ver coa actividade forestal.

Tamén contempla o anteproxecto que poida haber no litoral un aproveitamento turístico e hoteleiro, cinxido a instalacións xa existentes e que poidan agora ter ese uso. A propia conselleira cifrou onte en 300 esas instalacións que con esta lei poderían ter unha "segunda vida" como hoteis. A normativa, destacou a conselleira,  contou con 81 achegas de distintas entidades e será sometida a exposición pública durante 30 días.

Rueda, pola súa parte, defendeu esta lei criticando que a norma estatal sobre o litoral "pon en risco actividades da cadea mar-industria, crea inseguridade xurídica e fomenta desinvestimentos". "Imos facer unha ordenación realista", aseverou.

Retorno de 30.000 emigrantes en catro anos

O Consello da Xunta aprobou onte a nova Estratexia Galiza Retorna 2023-26, que ten como  obxectivo facilitar o regreso de 30.000 galegos e galegas residentes no exterior nos próximos catro exercicios. O investimento será de ao redor de 450 millóns de euros para o desenvolvemento de 100 medidas contempladas nesta estratexia e que implicarán todos os departamentos do Goberno galego.

Outro tema abordado na reunión semanal do Goberno galego foi o de destinar 13 millóns a contratar os servizos de oito helicópteros para a loita contra os incendios até 2026.

Hidróxeno verde en Meirama: "estratéxico" mais "rexeitado"

O presidente da Xunta anunciou onte a declaración dunha nova iniciativa empresarial prioritaria na Galiza: a planta que Naturgy, Reganosa e Repsol proxectan en Meirama (Cerceda) para producir hidróxeno verde. Segundo os datos do proxecto, esta planta contaría na súa primeira fase cunha potencia de 30 MW podendo chegar até os 200 MW. Produciría máis de 4.000 toneladas de hidróxeno renovábel ao ano na súa primeira fase.

Mais este proxecto foi rexeitado na fase de avaliación e selección de solicitudes no programa do Estado español de cadea de valor do hidróxeno Non contará pois coas axudas estabelecidas neste marco para promover o seu desenvolvemento. Porén, Rueda incidía onte na importancia de que o proxecto sexa "iniciativa prioritaria" .

Comentarios