Consello da Xunta

O Goberno galego cuadriplica a taxa de persoal temporal que fixa a UE

O Goberno galego aprobou esta quinta feira o proxecto de lei de medidas urxentes para reducir a temporalidade no emprego público, a norma que o Executivo de Rueda presenta como a ferramenta para reducir a inestabilidade laboral na Administración galega. A representación sindical lémbralle que a taxa de temporalidade na Xunta é de 35%, catro veces superior á taxa que a UE pide non sobrepasar, 8%.
Francisco Conde, no centro, presidiu esta quinta feira por primeira vez a reunión do Goberno galego. (Foto: Xunta)
photo_camera Francisco Conde, no centro, presidiu esta quinta feira por primeira vez a reunión do Goberno galego. (Foto: Xunta)

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira o proxecto de lei de medidas urxentes para reducir a temporalidade laboral —ao abeiro da adoptada polo Estado en 2021— e que remitirá ao Parlamento para a súa tramitación.

O vicepresidente primeiro Francisco Conde, que presidiu o Consello por mor da ausencia de Alfonso Rueda, en viaxe oficial á Arxentina e Uruguai, dixo que a lei estaba negociada cos sindicatos. "48 horas tivemos para estudar toda a documentación", critica Zeltia Burgos, da CIG-Administración, en conversa con Nós Diario.

Este proxecto de lei, como a lei estatal, ten como obxectivo situar a temporalidade nas Administracións públicas por baixo do limiar estabelecido pola UE, en 8%. Na Galiza, esa taxa é catro veces superior, 35% "entre funcionariado interino e persoal laboral", apunta Burgos.

Conde informou que antes de que remate o ano convocarán as 16.300 prazas anunciadas en marzo na OPE (Oferta Pública de Emprega): 8.000 por concurso de méritos e o resto por concurso oposición. "Antes de finalizar o ano convocaranse todas as prazas e resolveranse en 2023", dixo o vicepresidente. A CIG afirma que o proxecto aprobado polo Goberno galego non contén as ferramentas necesarias para "evitar que volvamos a ter unha alta temporalidade".

Outro acordo adoptado polo Executivo galego na xuntanza desta quinta feira foi a modificación do Plan director da Rede Natura, de 2014, para "simplificar" certos trámites e cuestións, como, explicou Conde, manter os pasteiros, conservar as franxas contra os fogos ou as queimas controladas.

Plan para previr o acoso escolar

A reunión semanal do Goberno tamén autorizou a Estratexia galega de convivencia escolar 2025, dotada con 5,5 millóns de euros. O documento vertébrase en catro eixos e nove liñas de impacto con accións coordinadas dirixidas a alumnado, profesorado, centros educativos e familias.

Conde afirmou que o Goberno galego leva "máis dunha década" impulsando medidas para garantir a "boa convivencia escolar" e agora dáse un paso máis con esta nova Estratexia que, entre as principais novidades, “inclúe un plan integral contra o acoso escolar e ciberacoso", sinalou Conde.

A creación dun rexistro de augas de baño na Galiza, que actualice á existente, e que ten máis de 20 anos de antigüidade; ou a declaración como 'Interese económico' o proxecto do Grupo Santos —do sector dos móbeis de cociña—para se instalar en Boqueixón, foron outras das cuestións abordadas no Consello da Xunta. 

Fiscalía

Preguntado polo feito de que a Fiscalía investigue o Goberno galego pola xestión da vaga de incendios deste verán, Conde garantiu a "colaboración" da Xunta nesta investigación.

Comentarios