O Consello de Ministros ratifica o nomeamento de Pedro Branco en substitución de Besteiro

O avogado de UXT asume as rendas da Delegación do Goberno estatal na Galiza, institución que José Ramón Gómez Besteiro abandona após tomar posesión o pasado abril para encabezar a lista do PSOE ao Congreso por Lugo.
O novo delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco. (Foto: Europa Press)
photo_camera O novo delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco. (Foto: Europa Press)

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira o nomeamento do xurista Pedro Branco como novo delegado do Goberno español na Galiza en substitución de José Ramón Gómez Besteiro, que deixa o cargo do que tomou posesión o pasado mes de abril para concorrer como cabeza de lista do PSOE ao Congreso pola circunscrición de Lugo.

Nado en Monfero (A Coruña) en 1968, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e, ademais, é técnico superior en Prevención de Riscos Laborais. Na actualidade é coordinador e profesor da área de laboral e de seguridade social da Escola de Práctica Xurídica da USC.

Branco tamén é o director dos servizos de xurídicos do sindicato UXT na Galiza e avogado laborista. Durante o Goberno de coalición de PSOE e BNG entre 2005 e 2009 na Xunta da Galiza, aliás, foi asesor do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.

Afiliado ao PSOE desde 1991, sendo integrante da agrupación local de Santiago de Compostela, é secretario de Emprego da executiva do PSdeG capitaneada por Valentín González Formoso, persona á que é moi próxima.

Despois de facerse oficial o seu cesamento, Besteiro publicou unha mensaxe no seu perfil da rede social Twitter a través da que asegura que "foi un privilexio servir á Galiza como delegado do Goberno". "Vivín unha etapa breve pero intensa e moi enriquecedora. Sigo camiñando para impulsar o progreso do noso país, agora desde outra responsabilidade. Grazas a todo o equipo da Delegación do Goberno polo voso agarimo e dedicación", prosegue.

O PSdeG ve "un acerto"

Preguntado a respecto deste último movemento nas filas do Goberno español durante unha intervención ante os medios, esta terza feira, en Santiago de Compostela, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, asegurou que a elección de Branco é "un acerto".

"É unha persoa de traxectoria de servizo público impecábel, unha persoa solvente desde o punto de vista técnico, con experiencia na xestión política", dixo. É "un acordo ese nomeamento", reiterou, e prognosticou que "fará un gran labor" como delegado do Goberno español na Galiza.

Comentarios