O PSOE ratifica Gómez Besteiro como 'número un' por Lugo ao Congreso

A seguinte na lista será a deputada no Parlamento galego Patricia Otero. Aliás, César Mogo liderará a lista do Senado.
Os socialistas de Lugo aprobaron esta cuarta feira a candidatura. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os socialistas de Lugo aprobaron esta cuarta feira a candidatura. (Foto: Nós Diario)

O comité provincial do PSOE da circunscrición de Lugo ratificou esta cuarta feira a súa candidatura ás eleccións estatais do próximo 23 de xullo, unha lista que, como xa se adiantara ao longo da semana, encabeza o delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, para o Congreso e o actual senador César Mogo para a Cámara alta.

A candidatura dos socialistas á Cámara baixa inclúe como número dous á actual deputada no Parlamento galego e ex secretaria xeral do partido en Lugo, Patricia Otero. Aliás, no tres figura Eduardo Vidal Baamonde, da comarca da Terra Chá, e, no catro, Gloria María Prada Rodríguez, de Lemos.

Pola súa parte, no que atinxe á lista ao Senado, sitúase como número dous, após o senador e antigo colaborador de Pedro Sánchez César Mogo, Mariña Ramudo Graña, e o tres é José Fernández Fernández.

Antes da celebración do comité, o secretario xeral do PSOE da circunscrición de Lugo, José Tomé, presidiu a reunión da executiva provincial, que foi a encargada de facer a proposta de candidaturas para as Cortes xerais, unhas listas que foron aprobadas por aclamación. Na súa intervención, da que informou o PSOE de Lugo nun comunicado, Tomé destacou que as listas que presentan os socialistas son "politicamente as máis solventes da provincia de Lugo" e puxo en valor a forza política de Besteiro, de quen asegurou que "fará un gran labor" no Congreso.

Dixo, a demais, que "está chamado a maiores maxistraturas na súa carreira política, para o que, conforme indicou, "conta con todo o apoio do partido na provincia". "A circunscrición de Lugo terá na persoa de Besteiro un gran valedor, avalado polo seu perfil político, como xestor, pero tamén como persona próxima, sensíbel cos problemas da xente e que, afortunadamente, espéralle un gran percorrido político", manifestou.

Precisamente, para poder ser elixíbel o 23 de xullo, José Ramón Gómez Besteiro deberá presentar a súa dimisión como delegado do Goberno na Galiza, un cargo do que tomou posesión o pasado mes de abril.

Unha vez aprobadas polo comité provincial, as listas serán informadas pola comisión executiva galega e, elevadas á comisión federal de listas que se reunirá o día 9, un día antes da celebración do comité federal que aprobará de forma definitiva as candidaturas de todo o Estado español.

Por último, no acto, o secretario xeral do PSdeG trasladou a súa satisfacción por cumprir "todos os obxectivos propostos na campaña das municipais". "O PSOE está en condicións de incrementar o número de alcaldías, ben sexa a través de maiorías absolutas ou ben a través de pactos con outras forzas políticas, en 29 alcaldías da provincia de Lugo". "O tres obxectivos do PSdeG eran claramente: manter as alcaldías que tiñamos —incluída a cidade de Lugo—, aumentar algunhas máis e manter a deputación. O tres obxectivos cumpríronse", remarcaron.

Comentarios