O Congreso acepta o veto do goberno para non debater o traspaso da AP9

O goberno español solicitou paralizar a proposición de lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza.

Congreso, abertura constitución da XII lexislatura.

A Mesa do Congreso español ratificou esta terza feira a decisión de non aceptar o debate do traspaso da AP9 do Estado a Galiza, unha proposición de lei aprobada por unanimidade polo parlamento galego. O executivo que preside Mariano Rajoy solicitou paralizar a tramitación de 16 proposicións non de lei propostas pola oposición ou por parlamentos autonómicos. O seu argumento xustificador para esta postura é que se esas solicitudes fosen aprobadas suporían unha desviación de 6.100 millóns de euros e porían en risco o cumprimento do plan de estabilidade comprometido con Bruxelas..

Porén, o argumento bate coa realidade: a AP9 é unha infraestrututa que dá beneficios. O goberno oponse a resgatala mais si que destinará até 5.000 millóns de euros a ficar con autoestradas en quebra, como o sistema de 'radiais' de Madrid. O goberno español acóllese á lexislación que establece que todas as proposicións de lei que se rexistran no Congreso deben contar co visto bo do executivo para seren debatidas, posto que é o goberno quen conta con capacidade de veto sobre aquelas que, ao seu xuízo, podan ter efectos negativos sobre os orzamentos en curso ou previstos.

Na listaxe de iniciativas vetadas figuran 2 proposicións de lei para paralizar a aplicación da Lomce, outras que procuran a supresión das taxas xudiciais ou unha que solicita mellorar as condicións laborais dos traballadores das subcontratas. A Mesa tamén vetou leis chegadas de parlamentos autonómicos, como a que compendsaba vítimas do amianto, aprobada na Cámara vasca.


 


 

Comentarios