Santiago de Compostela

O Goberno de Sanmartín reactiva a reforma da praza de Abastos, orzada en 518.000 euros

As obras contan cun prazo da execución de 130 días hábiles desde a firma do contrato e serán compatíbeis coa actividade do mercado.
Vista aérea da praza de Abastos de Santiago. (Foto: Alberto Bandín)
photo_camera Vista aérea da praza de Abastos de Santiago. (Foto: Alberto Bandín)

O Goberno local de Santiago xa deu luz verde ao comezo da contratación das obras de reforma da praza de Abastos, que contan cun orzamento de licitación de 518.000 euros. Confirmouno esta segunda feira a alcaldesa, Goretti Sanmartín, nunha rolda de prensa na que remarcou que estas obras son "moi necesarias" e eran "moi solicitadas desde hai tempo". Entre outras cuestións, actuarase sobre as marquesiñas, os estores, as portas correderas, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central. Sanmartín indicou na súa comparecencia que contan cun prazo da execución de 130 días hábiles desde a firma do contrato e que se realizarán de forma compatíbel coa actividade da praza.

O Mercado de Abastos localízase nun inmóbel de titularidade municipal, sobre o que se realizaron obras de remodelación contratadas pola Administración xeral do Estado —a través da Dirección Xeral de Arquitectura— a Tragsa, e que se executaron en 2014. Desde que finalizaron estas obras, o edificio arrastra unha serie de deficiencias recollidas nun informe que, alén de analizar as causas que as provocan, determina o protocolo a seguir para corrixilas.

O Goberno local salientou que todas as actuacións recollidas no informe, acordadas coas persoas que traballan na praza e coa xerencia do Mercado de Abastos, teñen como obxectivo "a posta en valor do edificio, incrementar a súa funcionalidade e facelo máis cómodo e accesíbel".

Complexo deportivo de Santa Isabel

A Xunta de goberno tamén acordou nesta sesión aprobar o expediente de contratación dos servizos de redacción de proxecto e dirección facultativa da obra de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, cun orzamento base de licitación de 353.131,99 euros e abrir o procedemento de adxudicación. Este contrato está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como polo Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos.

Esta obra únese á do pavillón de Vite, cuxa actuación comezará "en xaneiro de 2024", sinalou a rexedora, quen destacou a importancia de ambos os proxectos, cun orzamento global de 4,3 millóns de euros.

Plataforma loxística de intercambio de mercadorías

Na reunión tamén se aprobou provisionalmente o Plan especial de infraestruturas e dotacións para a creación dunha plataforma loxística de intercambio de mercadorías no sistema xeral SU-3, segundo o documento presentado pola asistencia técnica Alfonso Botana S.L, con data de 4 de agosto de 2023, que introduce as correccións solicitadas no informe previo emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Goretti Sanmartín trasladou que o plan modificado cos requirimentos será remitido esta mesma segunda feira á Xunta para poder seguir coa tramitación e levar o expediente cando antes a pleno.

Dinamización comercial

Entre outros asuntos, o Goberno local tamén autorizou a concesión de axudas para actividades de promoción e dinamización comercial no Concello de Santiago para o ano 2023, por un total de 85.000 euros. Desta cantidade, a Fundación Santiago Centro Área Comercial recibiu 19.268,88 euros; a Asociación de empresarios e profesionais Compostela Monumental, 24.567,49; a Asociación Punto Compostela CCA, 20.426,46; a Asociación Em-Rede.Rede de iniciativas empresariais de Santiago e Comarca, 4.174,20 euro; e a Asociación de artesáns e comerciantes ourives de Compostela, 16.562,97 euros.

A Xunta de goberno tamén deu luz verde a cinco convenios con entidades culturais e sociais por importe de 85.000 euros: 50.000 destinados a Performa Sociedade Cooperativa Galega, 5.000 para a Asociación Cultural O Galo, 20.000 euros para a Asociación Cultural Cidade Vella, 5.000 para os Cursos Universitarios de 'Música en Compostela' e outros 5.000 para a Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental.

Comentarios