18-F

Compostela, A Coruña e Lugo, cidades elixidas por Rueda, Pontón e Besteiro para iniciar a campaña electoral

Na noite da quinta á sexta feira arranca a campaña para os comicios do 18-F
EuropaPress_5707324_izquierda_derecha_candidatos_alfonso_rueda_pp_ana_ponton_bng_jose_ramon
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Gómez Besteiro (Foto: Europa Press)

Compostela, A Coruña e Lugo foron as cidades elixidas polos candidatos dos tres principais partidos políticos galegos para dar o disparo de saída á campaña electoral con motivo das eleccións do próximo 18 de febreiro.

Na xornada na que principia a carreira cara ás urnas, o presidente da Xunta da Galiza e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, continuará coa súa axenda institucional, coa reunión semanal do Consello en San Caetano.

En clave electoral, Rueda desprazarase a Lugo para participar nun mitin central xunto á presidenta provincial do PP e cabeza de lista por esta circunscrición, Elena Candia, e a responsábel de Novas Xeracións, Nicole Grueira.

A última parada do día faraa en Compostela, onde participará na tradicional pegada de carteis que marca o arranque dos 15 días campaña. Será na Praza do Obradoiro ás 23:15 horas.

Pola súa parte, a líder do BNG e candidata da formación nacionalista á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, participará pola mañá nun acto cos cabezas de lista da formación polas catro circunscricións galegas no Parque de Bonaval da capital galega.

Xa pola tarde, ás 20 horas, abrirá a campaña no Campo da Leña da Coruña xunto a Mercedes Queixas, que concorre como número dous da lista por esta circunscrición, que encabeza a propia Pontón.

José Ramón Gómez Besteiro, do PSdeG, que se estreará como candidato á Xunta tras o seu regreso á primeira liña política, escolleu a súa cidade natal, a de Lugo, para o seu acto de arranque da campaña electoral. Ademais, el mesmo é o cabeza de lista do PSdeG pola provincia.

Na Praza de Santa María estará acompañado pola vicesecretaria xeral do PSOE e vicepresidenta primeira do Goberno estatal, María Jesús Montero. O acto terá lugar antes da pegada de carteis, que tamén realizará na propia cidade da Muralla.

Pola súa parte, Sumar Galicia, coa aspirante á Xunta Marta Lois á cabeza, aposta por "un arranque diferente" e non elixirá ningunha das grandes cidades, senón que se desprazará á costa do Morrazo para a saída á campaña.

Ademais, a candidata de Podemos á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, tamén escollerá A Coruña para o acto de pegada. En concreto, estará no Millenium, en Labañou. No caso de Vox, a cidade escollida para o arranque da campaña será a de Vigo.

Comentarios