Compostela asumirá a xestión directa do cobro das multas e aforrará así 250.000 euros

Os datos do Concello de Santiago apuntan que ingresaron 2.072.214,7 euros en concepto de multas e a empresa que xestiona o seu cobro percibiu 555.353 euros.
O Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, é a sede do Goberno municipal de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, é a sede do Goberno municipal de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O Goberno local de Compostela, presidido por Goretti Sanmartín (BNG), iniciou os trámites para xestionar as multas directamente e calcula que con este paso pode aforrar 250.000 euros anuais. Foi o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, quen anunciou o inicio do proceso para asumir a xestión directa do cobro das multas a través da sociedade municipal Tussa, Transporte Urbano de Santiago S.A. O primeiro paso será a ampliación do obxecto social da sociedade municipal nos seus estatutos.

En rolda de prensa, Xan Duro lembrou onte que a empresa concesionaria do cobro das multas percibe case 27% dos ingresos anuais recadados en vía voluntaria, unha porcentaxe que en 2022 equivaleu a máis de medio millón de euros.

Os datos do Concello de Santiago apuntan que ingresaron 2.072.214,7 euros en concepto de multas e a empresa que xestiona o seu cobro percibiu 555.353 euros, 26,8% dos ingresos recadados en vía voluntaria, que é a porcentaxe a recoller na adxudicación do servizo.

Fin da vixencia

Unha vez descontados os gastos de Correos e outros custos, a estimación é que o Concello compostelán podería aforrar unha media de 250.000 euros anuais coa xestión directa a través de Tussa. Neste sentido, o concelleiro explicou que este é o principal motivo polo que o Goberno local vai afrontar a xestión directa do cobro das multas a través de Tussa, "unha vez que está a piques de finalizar a vixencia do actual contrato", que foi adxudicado pola Xunta de Goberno en novembro de 2018.

Comentarios