O Comité Eleitoral da Marea alega que de catro sistemas proporcionais só un daba a razón a QP

O Comité Eleitoral de En Marea resolveu rexeitar a impugnación após submeter os resultados provisorios a catro fórmulas distintas de reconto eleitoral proporcional.

Votación das primarias de En Marea. Xaneiro de 2017
photo_camera Votación das primarias de En Marea. Xaneiro de 2017

Queremos Participar alegaba na súa impugnación que a atribución dos postos a elexer no Consello das Mareas (35) non se realizou seguindo unha proporcionalidade pura e que, de o ter feito, a distribución de asentos no máximo órgao da confluencia tería mudado: Máis Alá perdería unha praza que pasaría a mans da candidatura encabezada pola ex parlamentar Consuelo Martínez.

QP consideraba que o reparto de 21 postos (Máis Alá), 9 (Somos Quen) e 5 (QP) só podía deberse a un erro aritmético facilmente subsanábel.

Porén, o Comité Eleitoral reafirmouse esta cuarta feira na súa estimación dos resultados e elevou os provisorios a definitivos.

Na resolución da alegación, pendurada na web da confluencia, o Comité Eleitoral alega que submeteu os resultados provisorios a catro fórmulas distintas de atribución de escanos e que só nunha desas normas, a coñecida como Hare, a adxudicación dos postos variaba a respeito dos resultados provisorios. Só Hare daría, pois, a razón a QP.

Nas outras tres fórmulas -Imperiali, Droop e Hagenbach-Bischoff- os resultados provisorios víanse confirmados.

"Pódese apreciar que só un dos catro sistemas proporcionais manexados habitualmente recolle unha diferenza cos resultados publicados na proclamación provisoria de 23 de xaneiro", reza a resolución.

En todo caso, o Comité Eleitoral recoñece que estamos perante unha cuestión polémica por non ser unívoca a súa interpretación: "Logo de consultar, por diferentes medios, o significado concreto e máis acaído de 'proporcional puro' atopámonos con que non existe unanimidade á hora de entender a existencia dun único modelo de proporcionalidade pura nos sistemas ou modelos de elección".

Foi por isto que o Comité puxo a proba os resultados provisorios con distintas fórmulas de atribución proporcional dos postos en xogo.

Resolvida a cuestión, o Comité proclamou os resultados e o Consello das Mareas fica constituído con 21 postos para Máis Alá, a candidatura oficial; 9 para Somos Quen, a liderada polo ex alcalde de Manzaneda Davide Rodríguez (Anova) e 5 para Queremos Participar, nucleada basicamente arredor de Cerna e con Consuelo Martínez como cabeza visíbel.

Comentarios