O comezo da xornada electoral, sen incidencias de gravidade

Rexistráronse tan só cinco, dúas delas en Vigo, onde non podían abrir a porta dun local e faltaban os membros da mesa.

Santiago Villanueva (á dereita) é o director xeral de Emerxencias. (Foto: Europa Press).
photo_camera Santiago Villanueva (á dereita) é o director xeral de Emerxencias e Interior. (Foto: Europa Press).

A xornada electoral con motivo dos comicios nacionais na Galiza comezou "sen incidencias destacábeis", salvo "algún atraso" na constitución dalgunha mesa, pero que xa foi resolto.

Así o avanzou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, na primeira das catro comparecencias previstas sobre o desenvolvemento da xornada electoral.

Ás 10,30 horas estaban abertas "o 100% das mesas", o que supón un total de 3.951 distribuídas "nos 2.346 locais electorais na Galiza", puntualizou.

En canto ás incidencias, a Xunta contabilizou cinco. En concreto, as mesas de dous locais de Vigo tardaron aproximadamente media hora en constituírse debido a problemas para abrir a porta dun dos locais e noutra porque faltaban membros nalgunha das mesas.

Nestes dous casos, os colexios electorais estenderán a súa apertura o tempo que se tardou en resolver estas incidencias.

Así mesmo, houbo outras "pequenas incidencias" no municipio coruñés de Culleredo, onde houbo problemas coa transmisión de datos dunha mesa, e en Boqueixón (Santiago) e Ponteareas (O Condado) por falta de material, pero que se solucionou “o máis axiña posíbel”.

Ás 12,30 horas está prevista a segunda comparecencia de Santiago Villanueva para informar do primeiro avance dos datos de participación.

Comentarios