Análise

Principia a derradeira lexislatura de Feixoo

O PP mantén a súa maioría absoluta na Galiza, ao reeditar practicamente os resultados dos comicios de 2016. Mentres o BNG se sitúa en máximos de representación, logrando uns resultados que a súa dirección cualifica de históricos, o PSdeG fica lonxe, en palabras de Gonzalo Caballero, dos obxectivos marcados para este proceso. O Parlamento da Galiza, coa ausencia das organizacións herdeiras de En Marea, enfronta a que se anuncia como última lexislatura de Alberto Núñez Feixoo na política galega.
Alberto Núñex Feixoo, Ana Pontón, Gonzalo Caballero e Antón Gómez-Reino. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón, Gonzalo Caballero e Antón Gómez-Reino. (Foto: Nós Diario).

As enquisas non se equivocaron co Partido Popular. Se na última semana de campaña a totalidade das sondaxes situaron a formación encabezada por Alberto Núñez Feixoo por riba dos 40 escanos, os resultados do domingo deixaron o partido coa mesma representación de 2020. Os populares galegos conseguiron 41 deputados e deputadas, 625.182 votos e 47,98% dos sufraxios, diminuíndo os seus escanos na circunscrición de Ourense e Pontevedra -a única onde a dereita foi superada polo BNG e PSOE-, e aumentando os seus representantes na Coruña e Lugo.

Os resultados de Feixoo explícanse atendendo á situación creada pola pandemia, á natureza da súa acción gobernamental e á realidade do PP na Galiza. A este respecto, existe a tendencia global que reforza os Executivos que estiveron á fronte da xestión do coronavirus e tamén a capacidade da Covid-19 para borrar os outros aspectos da realidade política. Ao tempo, a fortaleza da estrutura organizativa do PP resultou decisiva para o resultado final, canda á utilización dos medios de comunicación públicos, cuxo emprego partidista foi denunciado polas propias traballadoras e traballadores da Corporación de Radio e Televisión da Galiza organizados no movemento Defende a Galega.

O presidente galego anunciou durante a campaña electoral o seu compromiso de non volver presentarse aos comicios de 2024. A falla de que isto se confirme, outras fontes apuntan a un salto de Feixoo a Madrid para liderar o PP en substitución de Pablo Casado. A operación conta, nun principio, co apoio dunha parte do IBEX, descontento coa liña de oposición de Casado, e tamén dalgunhas terminais mediáticas, entre elas o Grupo Prisa.

O BNG, segunda forza

O Bloque Nacionalista Galego foi unha das sorpresas da noite. Malia que a maioría das sondaxes adiantaron unha importante alza da formación, mesmo recollendo nos últimos días a posibilidade de superar o PSOE, ningunha delas acertou no alcance da suba. Os nacionalistas lograron 19 deputados e deputadas, 310.137 votos e 23,80% dos sufraxios, aumentando a súa representación en 13 escanos e 190.691 votos e rexistrando as súas melloras porcentaxes nas circunscricións da Coruña e de Pontevedra.

As variábeis deste resultado son complexas. Ten contribuído de maneira decisiva a capacidade organizativa da formación e unha militancia que na campaña electoral volveu demostrar a súa entrega característica. Por outra banda, o liderado da candidata á Presidencia da Xunta e portavoz da formación, Ana Pontón, resultou chave para aglutinar a simpatía social, conectar con novos sectores e recuperar o contacto con outros que tiñan retirado o apoio ao BNG en pasados comicios.

Podes ler íntegra esta análise titulada 'Principia a derradeira lexislatura de Feixoo' no teu Nós Diario de hoxe en papel ou adquiríndoo na nosa loxa

 

Comentarios