23-X

Así foi o debate da CRTVG de cara ao 23-X

A Compañía de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) programou para esta sexta feira ás 10 horas un debate electoral central no cal participaron os candidatos ao Congreso pola circunscrición da Coruña das catro formacións que actualmente teñen representación: Miguel Tellado (PP), Néstor Rego (BNG), José Miñóns (PSOE) e Marta Lois (Sumar).
Marta Lois (Sumar), Miguel Tellado (PP), José Miñóns (PSOE) e Néstor Rego (BNG), no debate organizado pola CRTVG de cara ás eleccións estatais de xullo de 2023.
photo_camera Inicio do debate electoral na CRTVG (Foto: Nós Diario).

A Compañía de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) programou para esta sexta feira ás 10 horas un debate electoral central no cal participaron os candidatos ao Congreso pola circunscrición da Coruña das catro formacións que actualmente teñen representación: Miguel Tellado (PP), Néstor Rego (BNG), José Miñóns (PSOE) e Marta Lois (Sumar).

Moderado polo xornalista Luís Ojea, puido seguirse en todos os medios da CRTVG: Televisión da Galiza, Radio Galega e canle dixital g24.gal.

Os bloques de debate acordados no plan de cobertura son: a situación política actual, gobernanza e modelo de Estado, políticas sociais e atención á cidadanía, e un terceiro sobre economía, industria, infraestruturas e fiscalidade.

O primeiro minuto

Comezou o debate o representante do PP, Miguel Tellado que acusou Pedro Sánchez de “ter medo” tras o 28-M. Acusouno tamén de querer gobernar con que non cren en España.

Continuou o representante do PSOE, José Miñóns que replicou a Tellado alegando que non “van caer na provocación” e lembrou que baixo un goberno do PSOE non “vai quedar ninguén atrás”.

Seguiu Marta Lois, de Sumar que tivo unha palabra de apreciación para os traballadores da CRTVG e os ‘Venres Negros’. Continuou por criticar os gobernos de PP con Vox e a retirada de bandeiras LGBT pola súa parte.

Acabou o primeiro minuto Néstor Rego, do BNG que iniciou dicindo que o que está a acontecer na CRTVG “non é normal” pola súa manipulación e alertou de que o feito de que o debate sexa ás 10 da mañá así o certifica. Rego puxo en valor a gratuidade na viaxe de volta da AP-9 conseguida polos nacionalistas. Pediu tamén que o pobo galego lle dea ao BNG máis forza para ter “un grupo galego forte no Conreso”

Tellado ataca o BNG

Un dos primeiros grandes enfrontamentos do debate foi protagonizado por Tellado e Rego. O representante do PP acusou o BNG de ser “un cero á esquerda” e de ceder a Presidencia do Goberno a Pedro Sánchez “a cambio de nada”.

Rego: “O PP está especializado en mentir”

En resposta ao PP, Rego indicou que “o PP está especializado en mentir” e anunciou a intención do BNG de recuperar dereitos laborais e recuperar a capacidade adquisitiva dos pensionistas. Por ese motivo, dixo o nacionalista que “é necesario representación do BNG no Congreso tamén en Lugo e Ourense”. Para alén diso, Rego asegurou que "despois de conseguirmos un grupo galego forte lograremos algo vital para a Galiza, subir os investimentos para o noso país".

Marta Lois pide rectificación ao ataque do PP

O PP manifestou no debate que “os de Podemos agora téñense que chamar Sumar porque lle dá vergoña”. Ante isto, a representante de Sumar, Marta Lois, pediu que rectificara ese comentario e acusou o PP de “gobernar coa extrema dereita alá onde poden”.

Miñóns reivindica Pedro Sánchez

Durante as quendas do representante socialista, José Miñóns, este reivindicou o Goberno de Pedro Sánchez indicando que “é un Executivo recoñecido internacionalmente polo seu bo facer”. “Conseguimos controlar a inflación, algo moi complicado de facer”, engadiu.

O último minuto

Para finalizar o debate os catro representantes tiveron un minuto de feche para pedir o voto.

O nacionalista Néstor Rego indicou no seu minuto final que “o BNG é a verdadeira voz da Galiza en Madrid e agora precisamos máis forza para defender este país”.

Ademais diso, Rego indicou que “O BNG só se debe ao pobo galego e que o voto ao BNG vale dobre: para defender os intereses da Galiza e frear a dereita que non nos recoñece como pobo”.

Continuou o minuto final Marta Lois de Sumar que indicou que “buscamos mellorar a vida da xente algo que conseguimos desde o Goberno español. Se só fose polo PSOE ao mellor non conseguiamos os avances que logramos”.

“Queremos seguir avanzando en dereitos sociais e impulsar a Presidencia de Yolanda Díaz”, concluiu.

Na quenda do PSOE, José Miñóns dixo que estas eleccións supoñen unha “decisión única”. “O Goberno do POSE estivo comprometido coa Galiza á que trouxemos moi bos investimentos”.

“Debemos seguir gobernando para non deixar ninguén atrás e para o perigo que supón a dereita e a extrema dereita”, manifestou.

Finalmente, Miguel Tellado do PP salientou que “o de Sánchez foi un mal Goberno para Galiza que desatendeu as súas obrigas”.

“O noso candidato é un galego que foi presidente da Xunta e que vai derrogar o ‘Sanchismo’ que liderou un Goberno fracasado e dividido que sacou violadores á rúa”.

Máis en POLÍTICA
Comentarios