O debate da CRTVG entre Tellado, Rego, Miñóns e Lois será esta sexta feira ás 10 da mañá

Moderado polo xornalista Luís Ojea, será retransmitido en directo e durará unha hora -de 10 a 11 horas-. Poderá seguirse en todos os medios da CRTVG: Televisión da Galiza, Radio Galega e canle dixital g24.gal.
A CRTVG colocou o debate ed cara ao 23 de xullo ás 10 horas da mañá (Foto: CRTVG).
photo_camera A CRTVG colocou o debate ed cara ao 23 de xullo ás 10 horas da mañá (Foto: CRTVG).

A Compañía de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) programou para esta sexta feira ás 10 horas un debate electoral central no cal participarán os candidatos ao Congreso pola circunscrición da Coruña das catro formacións que actualmente teñen representación: Miguel Tellado (PP), Néstor Rego (BNG), José Miñóns (PSOE) e Marta Lois (Sumar).

Moderado polo xornalista Luís Ojea, será retransmitido en directo e durará unha hora -de 10 a 11 horas-. Poderá seguirse en todos os medios da CRTVG: Televisión da Galiza, Radio Galega e canle dixital g24.gal.

Os bloques de debate acordados no plan de cobertura son: a situación política actual, gobernanza e modelo de Estado, políticas sociais e atención á cidadanía, e un terceiro sobre economía, industria, infraestruturas e fiscalidade.

A decisión do ente público de colocar o debate ás 10 de mañá, un horario de pouca audiencia, foi criticado e mesmo chegou ao Parlamento da Galiza de man da deputada nacionalista Olalla Rodil que afeou á CRTVG non ter posto o debate en ‘Prime Time’ “a pesar do grande interese mostrado pola cidadanía”.

Entrevistas

A próxima semana, ademais, realizaranse desde o mesmo estudo multimedia catro entrevistas individuais aos candidatos desta forma: BNG, segunda feira 17 de xuño; Sumar Galicia, terza feira 18; PSdeG-PSOE, cuarta feira 19; e o PP, o quinta feira 20. Todas elas terán lugar ás 8.30 horas da mañá e poderán escoitarse na Radio Galega e tamén a través da web.

A CRTVG explica que as datas, horarios e tempos destas entrevistas establecéronse segundo o criterio de proporcionalidade con respecto aos resultados das últimas eleccións.

O ente público lembra que a estas coberturas hai que sumar o despregamento informativo o propio domingo 23 de xullo, con cobertura nos distintos servizos informativos da TVG, con dous adiantos informativos, un ao mediodía e outro pola tarde, e un programa especial, de máis de cinco horas de duración presentado por Marta Darriba, Marcos Sueiro e Carlos Amado.

Comentarios