Parlamento

PP e PSOE non apoian a solicitude do BNG para que Feixoo dese conta da súa actividade como senador

A proposta do Bloque pretendía substanciar unha comparecencia de Feixoo e do tamén senador por designación autonómica a proposta do PP, Miguel Tellado, nas próximas semanas aproveitando as sesións extraordinarias que a Comisión primeira prevé organizar este verán.
O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, interpelando o Goberno español no Senado. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, interpelando o Goberno español no Senado. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O BNG levou á Comisión Institucional do Parlamento da Galiza unha solicitude de modificación da orde do día que propuña incluír un punto para demandar que os senadores por designación galega, entre eles o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, comparecesen na Cámara para render contas da súa actividade no Senado, unha petición que foi rexeitada polos votos dos populares e que tampouco foi apoiada polo PSdeG, que optou pola abstención.

Esta cuestión foi debatida e votada ao comezo da Comisión Primeira decorrida esta cuarta feira no Pazo do Hórreo, onde o parlamentario nacionalista Luís Bará censurou que "ningunha" da cinco iniciativas presentadas como senador polo candidato á Presidencia do Goberno español do PP tivese relación coa Galiza.

A proposta do Bloque pretendía substanciar unha comparecencia de Feixoo e do tamén senador por designación autonómica a proposta do PP, Miguel Tellado, nas próximas semanas aproveitando as sesións extraordinarias que a Comisión primeira prevé organizar este verán.

Bará remarcou na súa intervención que "por decencia e responsabilidade" deberían acudir a "render contas" da súa actividade estes senadores electos para representar á Cámara galega no Senado.

O PSdeG abstívose

Con todo, a alteración da orde do día foi rexeitada ao votar en contra o grupo maioritario, o PP, mentres que os socialistas optaron pola abstención. Estes últimos, a través da deputada Paloma Castro, manifestaron que estaban de acordo en que os senadores repasen a súa actividade ante a Cámara que representan pero que esta cuestión non está contemplada no regulamento do Parlamento, polo que convidou ao BNG a que expoña unha modificación das normas do Lexislativo galego para incluír esta obrigación.

Pola súa parte, o deputado do PP Alberto Pazos Couñago cualificou a solicitude de "extemporánea" e falta de "motivos" máis alá do que considera un intento do BNG de "alterar o normal desenvolvemento" da campaña electoral para as xerais do próximo domingo 23 de xullo.

Comentarios