Comesaña presume de xestión da pandemia malia o informe de Contas que apunta á falta de publicidade nos contratos

Óscar Puente destitúe o presidente de Portos do Estado pola adquisición de material sanitario no marco do 'caso Koldo'.
Julio García Comesaña, Jorge Aboal e Javier Puente, esta terza feira, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Julio García Comesaña, Jorge Aboal e Javier Puente, esta terza feira, en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presumiu esta terza feira da xestión da Xunta da Galiza durante a pandemia da Covid-19, a raíz das denuncias do BNG de falta de transparencia nos contratos para adquisición de material sanitario, no marco do 'caso Koldo' que afecta o Goberno estatal.

Con todo, un informe do Consello de Contas publicado en xullo de 2023 puxo varias obxeccións á compra de material sanitario, entre elas o feito de que contratos verbais efectuados por Alberto Núñez Feixoo, na altura presidente galego, non chegaron a formalizarse, e á falta de publicidade das adxudicacións.

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, vén de cesar o secretario xeral de Portos do EstadoÁlvaro Sánchez Manzanares, pola súa responsabilidade na adquisición de 20 millóns de máscaras á empresa implicada na trama 'Koldo'.

Fontes do Ministerio citadas por Europa Press confirmaron esta destitución, que coincide coa viaxe que Puente iniciou na segunda feira a Marrocos para abordar cos representantes gobernamentais dese país temas de interese común en materia de transporte e infraestruturas e coñecer os proxectos que van desenvolver.

Con todo, o ministro segue moi de perto todo o relacionado con esta trama, tendo en conta que o Ministerio que dirixe desde o pasado mes de decembro foi o epicentro destes contratos, cando José Luis Ábalos era o titular do departamento. Neste caso, Portos do Estado, a empresa pública que xestiona todos os portos públicos do Estado español de mercadorías e de pasaxeiros, depende directamente deste departamento ministerial e foi a primeira que contratou coa trama para facerse con máscaras en plena irrupción da pandemia de Covid-19 por un importe de 20 millóns de euros.

O PSOE estuda agora chamar a comparecer no Congreso español a Miguel Tellado, que aparece "con nomes e apelidos" no sumario da causa, así como a outros cargos autonómicos da Galiza, Madrid ou Andalucía.

Comentarios