Comesaña aborda cos colexios médicos a flexibilización das incompatibilidades

Sanitarios avanzan posíbeis mobilizacións ante as "imposicións" do Sergas.
Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse esta terza feira con representantes do Consello Galego de Colexios Médicos —cita á que non ían acudir representantes de Pontevedra, enfrontados á xestión da Consellaría— para abordar o réxime de incompatibilidades que a Administración se comprometeu a flexibilizar, así como a situación na Atención Primaria.

O compromiso na anterior xuntanza foi o de elaborar unha instrución que faría máis flexíbel o réxime de incompatibilidades para permitir que os médicos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), ademais de traballar na sanidade privada, poidan facer actividade concertada. E esta era a cuestión a abordar na xuntanza.

A Administración traballa nun plan para solicitar aos centros con actividade concertada informes cada tres meses conforme os médicos con compatibilidade recoñecida non atenden pacientes derivados. A reunión, apuntaron desde o Colexio, foi "ben" e "cordial", e saíron "satisfeitos" coas propostas do Sergas.

Pola súa parte, a plataforma SOS Sanidade Pública lamentou esta terza feira que a Xunta responda o "clamor social" da manifestación do pasado domingo con "máis privatización".

"Tras a gran manifestación, a Consellaría de Sanidade informa de que vai realizar de maneira inmediata negociacións coa patronal de hospitais privados e cos colexios médicos para suprimir a dedicación exclusiva do persoal médico que traballa nos hospitais públicos e permítelles que traballen tamén na privada", apunta nun comunicado.

Por último, a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza avanzou tamén posíbeis mobilizacións ante o "desdén" ao que, ao seu xuízo, a Xunta somete ao persoal médico e polas medidas impostas "unilateralmente" polo Sergas.

Comentarios