As cinzas de Adiante alumean o nacemento do proceso MIR (Mocidade Independentista Revolucionaria)

@s promotor@s alicerzan nas bandeiras “da independencia e o socialismo, atravesadas pola loita feminista” a vertebración “deste novo proxecto” en construción.

photo_camera Foto: Dalle un coliño

A organización xuvenil Adiante disolveuse a principios deste mes tras case unha década de vida. Unha decisión coa que, aseguraban nun breve comunicado, daban “por finalizada esta etapa política”. Coma o 'ave fenix' do que tanto gosta o imaxinario republicano irlandés (para simbolizar o inmorrente da loita contra o colonialismo británico), das cinzas do que popularmente se coñecía como “@s moz@s da FPG” está a abrollar un novo proxecto político sob as trabes da independencia e o socialismo.

"Estamos aquí para organizarnos porque cómpre rematarmos con esta farsa á que pretenden que chamemos vida"

Este proceso ten a denomización de MIR, Mocidade Independentista Revolucionaria. Foron “as siglas do primeiro sobrenome que tivo a nosa organización Adiante antes de se constituír formalmente alá polo ano 2004. Por esta razón tiramos de simbolismo para encetar un proceso emocionante que, alén de renomear a nosa organización, traerá consigo cambios substanciais na evolución da ferramenta de vangarda da mocidade comunista pola independencia de Galiza”.

“Somos a mocidade prohibida”

Na presentación do proceso, @s participantes no mesmo afirman: “Somos a mocidade prohibida, a emigrada, a despedida, a esquilmada por un sistema concibido para o beneficio dos poucos sobre a explotación da maioría. E por iso, tamén, somos a maioría”. Apuntan, tamén, que “estamos aquí para organizarnos porque cómpre rematarmos con esta farsa á que pretenden que chamemos vida, pois o que vivimos ten mellor o nome do espolio. As bandeiras da independencia e o socialismo, atravesadas pola loita feminista, vertebran o sentido deste novo proxecto que nos convoca e ao que vos damos benvida”.

Comentarios