18-F

Chuvia de líderes estatais no esprinte da campaña electoral

Os líderes de PSOE, PP, Vox e Sumar chegan estes días á Galiza para apoiar os seus candidatos

Pedro Sánchez, Isabel Díaz Ayuso, Yolanda Díaz e Santiago Abascal. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, Isabel Díaz Ayuso, Yolanda Díaz e Santiago Abascal. (Foto: Europa Press)

Os candidatos de PP, PSdeG, Vox e Sumar ás eleccións do próximo 18 de febreiro contarán no esprinte final e no feche de campaña co respaldo dos seus líderes estatais, aínda que o xefe de filas do PP, Alberto Núñez Feixoo, fechará a campaña con actos realizados en 13 dos seus 15 días.

Tamén o presidente do Goberno español e líder do PSOE, Pedro Sánchez, recalou varias veces na Galiza nas últimas semanas. Volverá de novo esta quinta feira, cando protagonizará un mitin na Coruña co candidato, José Ramón Gómez Besteiro, e a alcaldesa, Inés Rei. Na sexta feira coprotagonizará co aspirante socialista o acto de feche en Santiago.

E é que capital galega é o lugar elixido para fechar polas principais forzas de esquerdas que concorren aos comicios (farano os socialistas, pero tamén o Bloque e Sumar). Así, o BNG, con Ana Pontón á fronte, estará no Multiusos do Sar.

A candidata de Sumar, Marta Lois, estará abeirada na sexta feira na capital galega pola líder do espazo, Yolanda Díaz, Ada Colau, Ramón Sarmiento e Ernest Urtasun, nun acto que decorrerá no Hotel Palacio do Carmen.

Mentres, A Coruña é o lugar elixido para os actos centrais de feche de campaña de Vox e PP. Rueda estará acompañado de Feixoo. Tamén Santiago Abascal estará tanto esta quinta feira como no feche para apoiar o seu candidato, Álvaro Díaz-Mella.

Ademais, no caso dos populares, tanto na quinta como na sexta feira estará no país a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. O andaluz Juanma Moreno e o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, tamén recalaron na Comunidade para apoiar o compañeiro de filas.

Finalmente, a candidata de Podemos, Isabel Faraldo, tamén contará esta quinta feira na Coruña coa compañía da secretaria xeral da formación, Ione Belarra.

 

Comentarios