18-F

Besteiro propón mudar a lei para obrigar a participar nos debates dos medios públicos

O candidato do PSdeG sinala que “a Galiza non merece un presidente que fuxe dos debates electorais”, ante a ausencia de Rueda do debate de TVE desta cuarta feira.

Besteiro
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: PSdeG)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, fixará por lei a obriga de participar nos debates dos medios públicos “por respecto á cidadanía e como mostra de saúde democrática”. Besteiro anunciou unha proposta para reformar a Lei de Eleccións ao Parlamento da Galiza que garanta a celebración de debates electorais.

O candidato dixo que “Galiza non merece un presidente que fuxe dos debates electorais”, en alusión á non participación de Alfonso Rueda no debate da RTVE desta cuarta feira, porque “Galiza ten dereito a contrastar as opcións políticas, é un exercicio de democracia”, remarcou.

Dixo que “os galegos e as galegas merecen que rematemos con esta burla á democracia”, como cualificou o feito de que “un dos aspirantes a presidir o Goberno galego permaneza agochado, sen dar a cara e poñendo escusas de mal pagador” para eludir a súa obriga de comparecer e contrastar o proxecto de goberno.

Exixiu ao candidato do PP que asuma a obriga democrática de comparecer en debates electorais nos medios públicos entre as forzas políticas con representación parlamentaria e en igualdade de condicións.

Propuxo que Galiza siga o camiño xa marcado por comunidades como Euskadi, Murcia ou Castela e León, que xa recoñecen por Lei os debates electorais. Así o dixo horas antes de participar no debate electoral organizado por RTVE ao que o candidato do PP negouse a comparecer nunha decisión “impropia de quen aspira a dirixir o Goberno galego durante os próximos catro anos”. Gómez Besteiro lembrou que os galegos e galegas son “unha cidadanía madura, que ten o dereito de contrastar as opcións políticas nun proceso tan relevante como son unhas eleccións autonómicas”.

"Menos trampas e propaganda"

O PSdeG esixiulle a Rueda “menos trampas e propaganda irregular” por parte dun candidato que, dixo, acumula 8 denuncias electorais aceptadas na Xunta Electoral por saltarse a Lei electoral, incluíndo dúas con incoación de sancións directas ao propio Rueda.

Comentarios