18-F

A patronal galega ve "amigábeis" as propostas do BNG: "Benvido sexa o goberno que veña"

Juan Manuel Vieites, presidente da CEG, confía en que após o 18-F haxa "un goberno estábel, non radicalizado, que poña propostas enriba da mesa".
Ana Pontón reuniuse hoxe con representantes da patronal galega. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón reuniuse hoxe con representantes da patronal galega. (Foto: Europa Press)

O presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites, recibiu esta cuarta feira, a catro días da cita coas urnas, á candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, un encontro que serviu para intercambiar as expectativas da patronal a respecto das eleccións e do novo goberno, así como para a presentación do programa económico por parte das nacionalistas.

En declaracións aos medios, o presidente da patronal galega incidiu no seu desexo de que haxa "un goberno estábel, non radicalizado, que poña propostas enriba da mesa" e que as propostas sexan "amigábeis" co mundo empresarial. Preguntado por se o programa de Pontón e o Bloque coincidía con iso, respondeu que "a maioría das propostas van na orientación [amigábel]" e outras "hai que traballalas", pero "efectivamente poden dialogarse".

Vieites reuniuse hoxe con Pontón nun encontro no que tamén estivo a integrante da Executiva Nacional desta formación e alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. A reunión convocouse no marco da rolda de contactos coas formacións políticas que acoden ás eleccións —co socialista José Ramón Gómez Besteiro foi no final da precampaña e co candidato do PP, Alfonso Rueda, non se concretou aínda data—.

Comentarios