Carmela Silva, a presidenta "máis transparente" das deputacións do Estado

A última actualización do informe de Dyntra sitúa a Deputación de Pontevedra por vez primeira no máis alto da súa clasificación xeral canda as de Ourense e Granada.
A presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa. (Foto: Rafa Estévez)
photo_camera A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa. (Foto: Rafa Estévez)

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, é a líder dunha deputación con maior grao de transparencia de todo o Estado español, segundo un estudo que realiza a axencia Dyntra de forma periódica e que actualizou este sábado.

Con base neste informe, Carmela Silva, que se sitúa no primeiro lugar de entre as e os diferentes titulares dos 52 gobernos provinciais e insulares, alcanza un grao de cumprimento de 94,29% nos indicadores avaliados pola axencia. O informe tamén sinala que a institución pontevedresa fica tamén á cabeza da clasificación xeral, cunha puntuación superior a 90%.

Deste modo, colócase por vez primeira no primeiro posto, "moi por riba da media dos gobernos provinciais e insulares, que se sitúa en 59,33%". En concreto, a Deputación de Pontevedra cumpriu totalmente con 171 dos 189 indicadores analizados por Dyntra, obtendo unha puntuación de 90,48%, idéntica á das deputacións de Ourense e de Granada.

No que atinxe á avaliación da transparencia, acreditouse que a institución provincial alcanzou 97,3% de transparencia institucional, 92,21% en servizos e apoio aos municipios, 90,63% en transparencia económico-financeira, 86,67% en contratacións de servizos, 86,49% en acceso á información e publicidade activa e 68,42% en participación e colaboración cidadá.

Silva alcanza a máxima puntuación posíbel (100%) en catro dos cinco parámetros que avalía a axencia

No caso específico de Carmela Silva, segundo este estudo, cumpre 33 dos 35 indicadores analizados. Así, alcanza o 100% de cumprimento nos parámetros de transparencia sobre o cargo, persoal de confianza, comunicación pública e transparencia económico-financeira, e só baixa en participación e colaboración cidadá (50%), obtendo un rexistro medio de 94,29%, o mesmo que José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.

Así, indica a institución pontevedresa nun comunicado, supón unha mellora a respecto da clasificación do pasado ano, xa que, se ben Silva xa ostentaba o liderado, a puntuación era case tres puntos inferior á lograda este ano.

De media, os 52 presidentes e presidentas analizados alcanzan unha nota de 43,62%. O menos 'transparente' é o presidente da Deputación de León, Eduardo Morán Pacios, cunha avaliación media de 17,14%.

Comentarios