O despoboamento fai que os Concellos sexan máis dependentes da Xunta e do Estado español

Os municipios de menos de 5.000 habitantes reciben 374 euros máis por residente
Casas no rural (Foto: Eva Vidal)
photo_camera Casas no rural (Foto: Eva Vidal)

A Red Localis, Rede de Administración Local, conclúe nun estudo publicado onte que os municipios galegos son cada vez máis dependentes de transferencias da Xunta da Galiza e do Estado español. 

Os ingresos que realizan outras Administracións públicas para os gastos correntes dos Concellos galegos, na súa maior parte transferencias da Administración galega e da Administración Xeral do Estado, recollen un incremento de 186 euros por habitante entre 2010 e 2021.

A dotación media asignada aos Concellos galegos en 2021 foi de 576 euros por habitante. Destes 576 euros, 203 proceden da Administración do Estado e 284 do Executivo galego. Os municipios máis despoboados son os máis beneficiados na transferencia de capital. 

374 euros máis

A medida que se reduce o número de residentes na localidade, a dotación per cápita doutras administracións públicas aumenta. "Este resultado é o agardábel, xa que, aínda que a capacidade fiscal destes Concellos sexa notoriamente menor (polas bases impoñíbeis ou a renda dos seus habitantes) deben prestar obrigatoriamente unha serie de servizos mínimos. Non podemos esquecer que o actual deseño das transferencias correntes aos Concellos, que non dependen do seu esforzo fiscal, ten un claro compoñente redistributivo, de aí que beneficie máis, en termos por habitante, aos municipios de menor poboación", explica Red Localis.

En 2021, os Concellos de até 5.000 habitantes, recibiron por termo medio 374 euros máis por habitante que os de máis de 50.000.

En dez anos, os concellos galegos obteñen entre 42% e 47% dos seus ingresos non financeiros a través de transferencias correntes e outras entidades. O peso das transferencias de capital con relación aos ingresos non financeiros pasou de representar 69% en 2010 a 61% en 2021

Comentarios