Sen candidatura de consenso: tres listas competirán para o Consello das Mareas

A proposta ‘oficialista’ (Luis Villares) terá que competir coa encabezada por David Rodríguez (Anova), deputado de En Marea e ex-alcalde de Manzaneda, e unha terceira que estaría impulsada por Cerna.

Plenario de En Marea decembro de 2016
photo_camera Imaxe: En Marea

O chamamento de Xosé Manuel Beiras a“deixarse de caralladas” e “arroupar a Villares” feito no Plenario que En Marea realizou o pasado mes de decembro parece que non tivo moito eco, como tampouco semella que o tivo a apelación de Villares nestas semanas a lograr unha candidatura única e de consenso: até tres propostas se rexistraron para competir no proceso interno do partido para elexir os 35 integrantes do Consello das Mareas [dos que 7 postos poden ser para cargos institucionais]. Se ben até última hora se falou dunha candidatura única e de consenso, esta non chegou a callar. Así pois, á proposta ‘oficialista’,que procura integrar todas as sensibilidades do partido, liderada por Luis Villares, hai que sumar dúas máis na carreira electoral interna de En Marea.

Unha delas, 'Somos Quen', está encabezada por Davide Rodríguez, de Anova, ex-alcalde de Manzaneda e deputado no Parlamento Galego. Unha candidatura que causou certa sorpresa pois Rodríguez sempre foi unha persoa moi próxima a Beiras (que vai na candidatura ‘oficial’) e dábase por feito que Anova xogaría todas as cartas á lista que encabeza Villares. Esta candidatura de Rodríguez suma xente das mareas municipais de diversas vilas e localidades e tamén cargos de Anova, como Esther Duro. Tamén fan parte dela Iria Morgade (Pontevedra), Modesto Renda (Lugo), Alfonso Fiz, Sonia Vidal, Pablo Alonso 'Patxi', Mónica González, Xurxo Triñanes e Victoria Portas Mariño.

No seu día houbera certa malestar no seo de En Marea por canto desde varias comarcas se criticaba unha certa ‘hexemonía’ das mareas e unidades populares das principais cidades, deixando sen marxe aos proxectos do resto do país.

A terceira candidatura en liza estaría impulsada, segundo diversas informacións, por Cerna, o colectivo escindido no seu día de Anova e que ten un dos seus rostros máis visíbeis na deputada Paula Vázquez. Este espazo político tamén apoiara no seu momento Luis Villares. Nesta candidatura ao Consello das Mareas figura Chelo Martínez, ex-deputada de AGE.

Executiva (coordinadora)

Cada unha das listas, que até a segunda feira non serán proclamadas oficialmente pois nesta fin de semana procederase a verificar se cumpren todos os requisitos, ten a súa propia proposta de executiva (coordinadora). O Consello das Mareas será quen elixa os 11 integrantes da coordinadora. A proposta que trascendeu xa foi a da lista ‘oficial’, na que non estaría Luis Villares. Villares é membro de pleno dereito desa executiva en canto é portavoz parlamentar.

As persoas que farían parte, segundo desvelou Europa Press, da proposta da candidatura ‘oficialista’ para a coordinadora serían: Xosé Manuel Beiras, Rafa Dopico e Gladys Afonso, de Anova; Iago Martínez (MareaAtlántica), Victoria Esteban (Lugonovo), Carmen González (Marea Pontevedra), Sara Torreiro (Foro galego), Pedro Rivera (Marea de Vigo e próximo á secretaria xeral de Podemos en Galiza, Carme Santos), Borja Sanromán (Podemos, do sector enfrontado a Carmen Santos), Noemí Prados (Esquerda Unida) e Javier Octavio (Ourense en Comúns).

Porén, desde Marea Pontevedra e a través dun comunicado, informaron de que ningún representante seu como tal debe figurar na candidatura 'oficial' nin nas propostas para a Coordenadora pois decidiron retiralas (dentro do prazo) en desacordo cos criterios de elaboración da lista. "Incumprimento do compromiso dunha clara maioría de activistas das mareas en detrimento dos militantes dos partidos". MP afirma que "mantemos o noso compromiso co proxecto de En Marea " e "confiamos plenamente no liderado de Luís Villares".

Centralidade

Luis Villares afirmaba este sábado estar moderadamente satisfeito pola presenza das 3 candidaturas, pois defendía que debía haber unha única lista, de consenso. “A centralidade do proxecto está garantida”, manifestou o portavoz parlamenta, referíndose á candidatura que lidera e na que destacou que estaban representadas as diferentes sensibilidades de En Marea.

Podemos

A secretaría de organización de Podemos Galiza valoraba como “positivo” o acordo acadado no seo de En Marea para unha candidatura unitaria, “a pesar das discrepancias”. Lamenta, iso si o “paso atrás” das restricións establecidas, que limitaron o censo de votación a só 1.600 persoas. Tamén lamenta a exclusión dalgúns perfís da lista final, dos que destacan o talante “conciliador” de Gonzalo Rodríguez, unha decisión que “non podemos compartir”, sinala o comunicado, no que tamén se aclara que as persoas que participan en En Marea fano a título individual e “nunca en representación de Podemos”.

Comentarios