A Cámara desbota a creación dun programa industrial para A Mariña

Na xornada de folga xeral na Mariña, o Parlamento galego debateu unha proposta do BNG que instaba a Xunta a desenvolver e aplicar un plan industrial para esta zona gravemente afectada polo feche de fábricas. O PP votou en contra. 
 
Mobilización na folga xeral na Mariña de 17 de novembro (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Mobilización na folga xeral na Mariña de 17 de novembro (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Coincidindo coa xornada de folga xeral na Mariña polo futuro da comarca, o Parlamento galego debateu este 17 de novembro unha proposta do BNG que instaba a Xunta a desenvolver e aplicar un plan industrial para esta zona gravemente afectada polo feche de fábricas. 

O deputado e secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, cargou contra a proposta do Bloque e, sen atender ás competencias industrias que ostenta a Xunta en industria, puxo todo o peso e responsabilidade na acción do Goberno estatal en relación coa transición enerxética. "Pedro Sánchez é quen ten culpa do fechamento" da fábrica de  Alcoa en San Cibrao (Cervo), dixo, ao tempo que responsabilizou o Bloque por telo investido presidente do Estado. 

O PP presentou unha emenda para substituír o texto do BNG, a prol de que o Estado proceda á intervención pública da factoría, mais non foi consensuada e finalmente, a iniciativa do Bloque quedou rexeitada polos votos negativos dos populares.

A iniciativa nacionalista ía alén do caso de Alcoa, alcanzando toda a comarca e si contou co apoio do grupo socialista. Nela instábase o Goberno galego a incorporar nos Orzamentos da Xunta da Galiza para 2022 unha partida orzamentaria para levar a cabo un plan de industrialización e emprego na comarca da Mariña para impulsar o sector industrial e empresarial da mesma. Tamén defendía desenvolver as modificacións legais necesarias para garantir o impulso de plans de desenvolvemento industrial asociados ás novas instalacións nas que se tería en conta a construción de compoñentes e subministracións no país e a vinculación a proxectos de xeración de valor engadido.

Na defensa da iniciativa, o deputado nacionalista Daniel Castro acusou a Xunta de "pórse de  perfil" no conflito de Alcoa e de "non dar ningún tipo de solución ao ERE da fábrica de Vestas en Viveiro, "a pesar de ter o Goberno galego as competencias exclusivas en industria".

Críticas a Tellado por machismo

O ton subiu no debate cando Tellado afirmou que na manifestación na Mariña botou en falta a presenza da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, da que dixo que mudou as súas camisolas reivindicativas de cando estaba no Parlamento galego por roupa "de boutique". Esas palabras foron respostadas polo deputado do BNG que acusou Tellado de machista. 

Os populares rexeitan un plan para reactivar o naval

Na mesma comisión parlamentaria, o PP votou en contra da iniciativa presentada polo grupo socialista en que se demandaba ao Goberno galego "facer valer as súas competencias” e “actuar como polo tractor que garanta a actividade dos estaleiros na comarca de Vigo”. Ficou así rexeitada a proposta do PSdeG para a elaboración e posta en marcha dun plan de reactivación do naval vigués.

A deputada socialista Noelia Otero alertou da crise e da falta de actividade en que se atopan os estaleiros de Metalships, Barreras e Vulcano por mor do “absoluto desleixo” da Xunta. En concreto, a iniciativa instaba a Xunta a acudir aos fondos Next Generation para dar capacidade económica a ese plan de reactivación.

Comentarios