“Amplo seguimento” da folga xeral na Mariña

Industria, comercio e hostalaría secundan un paro que tamén se nota no ensino e nas administracións.

mariña folga

“Hoxe non é un día normal”, di unha veciña de Viveiro. E, certo, non o é.  Boa parte do comercio e hostalaría da cidade está fechado, colexios e institutos están ao ‘ralentí’ e empresas e industrias tamén etán paradas nunha alta porcentaxe. E o de Viveiro pode estenderse a Burela, Foz, Ribadeo e toda a comarca da Mariña. Hai foga xeral e nótase.

“Amplo seguimento”, indican sindicalistas e piquetes para resumir o inicio da xornada de folga, que xa comezou ás 22 horas da noite de onte da man da quenda de Alcoa. Barricadas de pneumáticos ardendo alumeaban na noite. “Polo futuro da Mariña!”, o lema omnipresente: faixas, colantes, cartaces...

A convocatoria de CIG, CCOO e UXT sumou numerosos apoios nestas semanas, desde Administracións locais até colectivos veciñais, organizacións de comerciantes ou plataformas ecoloxistas. Un apoio que transloce que na comarca aniña un sentimento de “abandono”. Á crise industrial (Alcoa, Vestas...) súmase a febleza en determinados servizos, o despoboamento...

A multitudinaria manifestación que no mediodía de hxoe percorreu Burela, reunindo miles de persoas procedentes dos diferentes concellos da comarca, fixo posíbel visibilizar o grande apoio á folga. Na marcha participaron representantes do PPdeG, co seu secretario xeral MIguel Tellado á fronte, unha delegación do PSdeG, liderada por Valentín González Formoso; e unha ampla representación do BNG, con Ana Pontón á cabeza.

"Esperamos que os gobernos fagan caso das nosas reivindicacións porque queremos traballar na nosa comarca e non emigrar"

"Os piquetes informativos percorren a comarca, que rexistra polígonos sen actividade, comercios e hostelaría pechadas e aulas e rúas baleiras nunha xornada de folga que se prevé histórica", indicaba a CIG nas redes sociais.

Ameaza

Hai agora xusto un mes, centos de persoas saíron ás rúas de Viveiro a exixir un futuro para a Mariña. Desde entón, nada mudou. Se acaso a angustia dos habitantes desta comarca, que acusan as Administracións de miraren para outro lado en lugar de buscar solucións á crise industrial, social e demográfica que ameaza desde hai anos os concellos deste extremo do país.

Esta "desidia" é a que levou os sindicatos CIG, CCOO e UXT a convocar no día de hoxe unha folga xeral de 24 horas na comarca e unha manifestación ás 12 horas polas rúas de Burela. Protestan non só pola situación de industrias como Alcoa e Vestas, co seu futuro no aire, senón polo "abandono" que sofren desde hai anos por parte das administracións estatal e galega, e que se traduce nun déficit de infraestruturas e o progresivo desmantelamento de servizos esenciais como a sanidade ou a educación, entre outros. 

Para esta convocatoria contan ademais co apoio de numerosas entidades, desde os concellos de Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, Valadouro, Viveiro e Xove, até portos pesqueiros como o de Celeiro (Viveiro) ou a gran maioría do comercio e a hostalaría local, dispostas a sacrificar unha xornada de traballo para reclamar un plan de acción a unha Xunta e un Executivo estatal aos que acusan de "mirar sistematicamente cara a outro lado". 

"Sentímonos abandonados, ninguneados, e precisamos urxentemente que se tomen medidas tanto polo Goberno estatal como polo da Xunta", apunta o representante da CIG, Xorxe Caldeiro,  A idea principal desta folga, como indica a Nós Diario María José Nóvoa, responsábel de CCOO na Mariña, é "que vexan que toda a comarca está unida, que estamos aí. Non só Teruel existe; A Mariña tamén existe", profundou a representante sindical. Desde UXT, Diego Ballesteros, membro do comité de Alcoa, lamenta que ás Administracións “non lles importa nada do que reclame a sociedade”

Comentarios