Lorenzana abre a porta a impugnar o ERE de Vestas

A titular de Emprego recoñece "mala praxe" por parte da multinacional danesa
O persoal de Vestas retoma este sábado as protestas (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera O persoal de Vestas retoma este sábado as protestas (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, abriu esta sexta feira a porta a impugnar o ERE de Vestas, que afecta a 115 empregados da planta que a multinacional ten en Chavín (Viveiro) e que finalizou esta semana sen acordo. "Pódese impugnar", afirmou a conselleira, quen apuntou que a Xunta, en calidade de autoridade laboral, xa enviara tres requirimentos durante a negociación á compañía ao detectar "malas praxes".

En declaracións aos medios esta sexta en Compostela, onde participou no acto de celebración do 40 aniversario da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Lorenzana subliñou que o Executivo galego enviou eses requirimentos "porque se observaban deficiencias no procedemento", en aspectos tales como que había "moita rapidez" ou se achegaba documentación aos traballadores e traballadoras sen traducir.

Ademais, a titular de Emprego chama a atención sobre a "especial axilidade nos prazos" para dar conta do ERE, en "como se esgotan de maneira instantánea, sen prorrogar nada". 

Na mesma liña, expón que a empresa foi "especialmente áxil" co proceso do despedimento colectivo e co anuncio de que mantería a produción na fábrica até finais de ano.

"Non é habitual que se termine o período de consultas e ao día seguinte se comunique xa á autoridade laboral a finalización do período. O que figura nesa comunicación é que a 31 de decembro poñerase fin a eses contratos", explica Lorenzana.

Por tal motivo, deberase dirimir "se o procedemento non foi o adecuado, se a negociación non foi a adecuada e se non se deu capacidade aos traballadores para negociar ou houbo mala fe, por dicilo dalgunha maneira".

Tras os pasos de Alcoa

Observa a conselleira que esa "mala praxe" na negociación "é un pouco o que sucedeu en Alcoa", mais deixa a decisión final nas mans da representación do persoal. "O comité de empresa ten que tomar unha decisión sobre se impugna ou non o ERE", indicou a titular de Emprego da Xunta.

Paralelamente, Lorenzana indica que seguirá a buscar de comprador para a fábrica de Viveiro mentres continúa coas mesas industriais. A este respecto, pediu o Ministerio de Industria e á consultora de Vestas compartir información.

Comentarios