Caballero insiste en situar o PSdeG na esquerda e Formoso no practicismo

A carreira polo liderado socialista quéntase no ecuador da campaña
Os candidatos Valentín González Formoso e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press / PSdeG)
photo_camera Os candidatos Valentín González Formoso e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG e aspirante nas primarias do partido a revalidar no liderado, Gonzalo Caballero, acudiu este 12 de outubro a Cedeira para manter unha xuntanza coa militancia socialista deste concello, a quen expuxo o seu proxecto para "un PSdeG gañador desde a esquerda e coa forza da militancia”.

O obxectivo, dixo, é “dar a Galiza, ás galegas e os galegos, a mellor alternativa de progreso” e gañar as seguintes eleccións, as municipais e estatais de 2023. O socialista afirmou querer "un PSdeG galeguista, feminista, ecoloxista e claramente de esquerdas que traballe cada día por ofrecer aos galegos e ás galegas solucións aos seus problemas e inquedanzas, amosando que somos a alternativa ao PP”. Por iso, asegurou, seguirá recorrendo as agrupacións do PSdeG para trasladar á militancia “o mellor para o futuro do noso partido e da Galiza”.

Paralelamente, o candidato que rivaliza con Caballero polo liderado do partido, Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG coruñés e presidente da Deputación da Coruña, reivindicou este 12 de outubro un socialismo "comprometido" cos intereses da Galiza que "mellora a vida de persoas".

No marco dun encontro en Ortigueira, sinalou que "os feitos son máis elocuentes que as palabras", polo que apostou por "un socialismo útil". En clara referencia ao seu rival, afirmou que "está ben predicar o socialismo, pero sobre todo hai que practicalo. Nós facémolo cada día, aplicando políticas que melloran a vida das persoas desde as Administracións que están máis perto da cidadanía".

Neste sentido, destacou a "batalla" levada a cabo en primeira liña polos municipios para "facer fronte ás terríbeis consecuencias da Covid-19" e asegurou que a Galiza "precisa dun PSdeG "con criterio nos asuntos de país" e "perto das persoas".

A este respecto, Formoso lembrou que a Deputación da Coruña "incrementou 137% o gasto social para non deixar ninguén atrás na saída da crise" e "destinou 25 millóns de euros a axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia". Do mesmo modo, resaltou "a recuperación para o público" dos servizos de emerxencias, como o Consorcio Provincial de Bombeiros.

"Estar á beira da xente é a nosa forma de ser, a nosa forma de gobernar", subliñou. Así, asegurou que a Galiza precisa dun PSdeG "con criterio nos asuntos de país" que se sitúe "perto das persoas e a realidade social" e que, ademais de "sinalar os problemas", propoña "solucións".

"O PSOE non é un instrumento en si mesmo, senón un instrumento que mellora a vida da xente", afirmou Formoso, que apostou por un PSdeG "útil para a sociedade e comprometido cos intereses da Galiza".

Comentarios