Formoso subliña que o obxectivo do PSdeG "non é gañar ao BNG" senón ao PP e "cambiar Galiza"

"Necesitamos á fronte do PSdeG un secretario xeral que non renuncie a gobernar o país", sostivo o candidato a liderar o PSdeG e secretario xeral do PSOE coruñés, Valentín González Formoso, e subliñou que o obxectivo da formación "non é gañar ao BNG" senón ao Partido Popular.
O candidato a liderar o PSdeG e secretario xeral do PSOE coruñés, Valentín González Formoso. (Foto: PSDG).
photo_camera O candidato a liderar o PSdeG e secretario xeral do PSOE coruñés, Valentín González Formoso. (Foto: PSdeG).

O candidato a liderar o PSdeG e secretario xeral do PSOE coruñés, Valentín González Formoso, subliñou que o obxectivo da formación "non é gañar ao BNG" senón ao Partido Popular e "cambiar Galiza". "Necesitamos á fronte do PSdeG un secretario xeral que non renuncie a gobernar o país", sostivo.

Formoso mantivo na mañá deste sábado un encontro coa militancia de Boiro, do que informou a súa candidatura nun comunicado e no que reivindicou un PSdeG "forte e unido", que "non renuncie a gobernar Galiza".

"Os compañeiros e compañeiras comparten que o PSdeG ten que ser unha forza que ilusione a militancia, que estea á beira da xente e, como fixo noutros tempos, volva ter criterios obre asuntos de país e non se limite a sinalar problemas, senón tamén a achegar solucións", manifestou.

Neste sentido, Formoso apostou por un socialismo útil para a sociedade. "Porque esa é a nosa forma de ser e a nosa forma de gobernar", afirmou.

Cultura, lingua e igualdade

O secretario xeral dos socialistas coruñeses asegurou que a cidadanía "sabe observar perfectamente a aqueles que están nas institucións para mudar a vida das persoas.

"Non son as palabras as que hai que ter en conta, senón os feitos cos que xestionamos as administracións nas que gobernamos, onde a protección social dos máis desfavorecidos, a reactivación económica e social, o fomento da cultura, da lingua e da igualdade son os alicerces fundamentais", dixo.

González Formoso continuará na comarca do Barbanza e na de Santiago a súa rolda de encontros coa militancia con motivo da celebración das primarias.

Comentarios