Caballero reprende Formoso pola súa "convivencia" con Feixoo

O líder socialista reprocha ao seu contrincante os resultados na Coruña.
Os candidatos Valentín González Formoso e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press / PSdeG)
photo_camera Os candidatos Valentín González Formoso e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press / PSdeG)

O secretario xeral do PSdeG e aspirante á reelección, Gonzalo Caballero, elevou esta segunda feira as críticas cara ao seu adversario nas primarias, Valentín González Formoso, a quen acusou de manter unha actitude de "convivencia" co PP e Núñez Feixoo; e de ser responsábel do "retroceso" do PSdeG na circunscrición da Coruña nas eleccións galegas de 2020.

Preguntado polos medios, Caballero dixo que a imaxe de Formoso "de ganchete" con Feixoo en actos políticos "desdebuxan" a capacidade do PSdeG de mostrarse como "alternativa" ao PP.

"Encántanme as primarias", recoñeceu, afirmando que el non ten que "recuperar o orgullo" de ser socialista porque "nunca" o perdeu. "Outros terán que explicar por que o din", apostilou en referencia á mensaxe enviada polo seu adversario, que apelou a "recuperar o orgullo" de pertencer ao PSdeG e a "non conformarse" con ser terceira forza.

Tras defender que co seu liderado o partido "creceu en todas as convocatorias", Caballero botou en cara a Formoso os resultados dos últimos comicios na circunscrición da Coruña -onde Formoso é secretario xeral e presidente da Deputación-, fronte á suba lograda noutras circunscricións.

Caballero afirma que o seu é proxecto dun PSdeG de militantes, de esquerdas e galeguista; fonte ao sistema de baronías e "máis conservador" de Formoso.

Pola súa banda, Formoso visitou na segunda feira Betanzos, onde se reuniu coa súa alcaldesa, a socialista María Barral, cuxa xestión puxo como exemplo -sinalando a un futuro Goberno galego- de que "o socialismo non só se predica, senón que tamén se practica". 

Nese sentido, citou o fundador do PSdeG, Pablo Iglesias, apelando a unha "visión práctica" da política e non a "recrearse exclusivamente" na "grandeza" das ideas.

Comentarios