Militancia crítica con Gómez-Reino impulsa unha candidatura alternativa en Podemos Galicia

Acusan o secretario xeral de estar "máis perto" da ministra Yolanda Díaz e o seu proxecto, Sumar, que da dirección estatal do partido, encabezada por Ione Belarra.
Antón Gómez-Reino, na redacción de Nós Diario (Imaxe: Arxina)
photo_camera Antón Gómez-Reino, nunha entrevista realizada en 2020 na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

Un grupo de militantes de Podemos Galicia traballa xa nunha candidatura alternativa de cara ao proceso de primarias anunciado a pasada cuarta feira polo actual secretario xeral, Antón Gómez-Reino, a quen acusan de levar a organización "á desaparición" e de estar "máis perto" do proxecto político impulsado pola ministra Yolanda Díaz, Sumar, que da dirección do seu partido a nivel estatal.

Após facerse pública a convocatoria das eleccións internas que decorrerán entre o 21 de novembro e o 15 de decembro, este grupo de persoas nscritas agrupadas baixo o nome de Rexurdir Podemos Galicia saíu ao paso das declaracións de Gómez-Reino, a quen afean que fale en nome da organización cando se situación é de "interinidade" ao expirar o seu mandato no mes de outubro, cando fixo catro anos o proceso no que se impuxo á fundadora do partido Carolina Bescansa.

En declaracións a Europa Press esta quinta feira, o portavoz de Rexurdir Podemos Galicia, Gonzalo Busqué, sinalou que o grupo de militantes está formado por unhas 70 persoas de distintos puntos do país que comezaron a traballar xuntas após as eleccións galegas de 2020, nas que a coalición Galicia En Común, encabezada por Gómez-Reino, non logrou representación.

Consideran que o deputado no Congreso —que ligara o seu futuro en Madrid ao resultado das eleccións galegas— debeu dimitir entón do seu cargo polo "fracaso" nas urnas. Desde entón, segundo apunta Busqué, este grupo cre que o liderado de Gómez-Reino levou "á desaparición" a Podemos Galicia porque o seu máximo responsábel "non está no día a día" da organización, o que levou a unha "desactivación" da militancia, como evidencia que "só existan 65 círculos activos" nunha comunidade onde hai "un 30% menos" de inscritos que na media do Estado.

"Entregado" a Sumar

Ante a apertura dun ciclo electoral que o propio Gómez-Reino evoca como "chave" e no que o foco está posto no nacemento do proxecto Sumar de Yolanda Díaz, esta plataforma crítica acusa o secretario xeral de "ligar o futuro" de Podemos Galicia á súa integración na plataforma da ministra sen que exista un debate interno.

"Non dicimos que Yolanda Díaz non teña que encabezar o proxecto, pero hai que ver como se desenvolve", incidiu Busqué, quen, após subliñar o "vínculo emocional moi forte" que teñen "desde hai anos" a ministra e Gómez-Reino, reivindicou que Podemos ten unhas liñas políticas "identificadas" que deben quedar reflectidas na súa relación con Sumar. A militancia crítica considera que Gómez-Reino "ten ligado o seu futuro" ao proxecto da ministra, da que, din, está "moito máis perto" do que está da dirección de Podemos que encabeza Ione Belarra.

Alén das dúbidas sobre a relación co novo proxecto de Díaz, este grupo de militantes tamén é crítico coa forma de pilotar a organización desde 2018 por parte de Gómez-Reino, a quen acusan de evadirse do "día a día" do partido. Así, acusaron o secretario xeral de delegar estas tarefas noutras persoas, o que conduciu Podemos Galicia "á desaparición".

Por todo iso, Gonzalo Busqué avanzou que Rexurdir Galicia traballa na configuración dunha candidatura alternativa ás primarias, que esperan que estea encabezada por unha persoa "de consenso".

Comentarios