O BNG vincula á extrema dereita as pintadas que ameazaban de morte o tenente de alcalde de Lugo

Rubén Arroxo lamenta "as ameazas de morte" nunha cidade "moi respectuosa".
Á esquerda, o edil Rubén Arroxo (BNG); á dereita, as pintadas obxecto da denuncia (Fotos: Nós Diario - Europa Press).
photo_camera Á esquerda, o edil Rubén Arroxo (BNG); á dereita, as pintadas obxecto da denuncia (Fotos: Nós Diario - Europa Press).

O BNG vincula as pintadas que ameazaban ao tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, a sectores da extrema dereita na cidade.

As pintadas apareceron esta pasada terza feira na rúa Montero Ríos, nas que se referían a Arroxo como "Cono", a propósito das obras que desenvolven desde as áreas nacionalistas no Concello, e nas que se podían ler: "Cono bueno el cono muerto", e tamén: "BNG ladrones fascistas".

Ambos os dous escritos xa foron eliminadas ao longo da mañá desta cuarta feira polo persoal de limpeza do Concello de Lugo, en concreto, por traballadores de Urbaser.

Un feito lamentábel

Desde o Bloque Nacionalista Galego teñen claro o "vínculo" con sectores da extrema dereita, que tamén inzan as redes con alusións ao propio Arroxo.

O tenente de alcalde do Concello cualificou o feito "de lamentábel". "Nunha cidade como Lugo, onde se adoita dicir que todos nos coñecemos e, ademais, unha cidade moi respectuosa", sinte que haxa "elementos que se dediquen a facer pintadas con ameazas de morte".

Rubén  Arroxo ten claro que ditas "ameazas" veñen dadas por "cuestións puramente ideolóxicas, neste caso de odio ideolóxico", asevera. Ao seu xuízo, trátase de "persoas que non aceptan o papel do BNG no Goberno do Concello de Lugo, que está por mellorar a cidade", dixo

"A súa ira lévaos a unha frustración que acaba nestas pintadas con ameazas de morte", concluíu Arroxo.

Comentarios