Medio Ambiente

O BNG urxe unha "actuación inmediata" de Xunta e Estado para limpar os pellets: "Lembra aos primeiros días do Prestige"

Desde o Concello de Ribeira manifestaron que hai unhas semanas "ninguén foi axudar" e que na Xunta dixeron que esperase "a ver se a empresa mandaba alguén que se fixese cargo".
Pellets de plástico esparexidos por unha praia da Illa de Arousa. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
photo_camera Pellets de plástico esparexidos por unha praia da Illa de Arousa. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)

O BNG exixiu hoxe a "actuación inmediata" do Estado e a Xunta da Galiza na limpeza das praias pola vertedura de toneladas de pellets nas Rías Baixas desde o pasado 13 de decembro. Denunciou o que considera unha situación "gravísima" que lembra "aos primeiros días de marea negra do Prestige". "É incomprensíbel que a Xunta non exixise ao Estado actuacións inmediatas e que non puxese a disposición dos concellos todos os medios necesarios para recoller as verteduras", declarou a deputada nacionalista responsábel de Mar no Parlamento galego, Rosana Pérez, nun comunicado de prensa.

Por outra parte, o parlamentario do Bloque no Congreso, Néstor Rego, solicitou información ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a respecto dos medios que dispuxo sobre o terreo, das medidas que implantará ao respecto e da investigación para proceder contra os responsábeis.

O pequeno tamaño dos pellets dificulta a limpeza das praias. Segundo a alcaldesa de Muros, María Lago, tiveron que mandar ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) con vasoiras, porque os angazos e o tractor de limpeza de praias "non dan collido nada".

E a concelleira de Medio Ambiente de Ribeira, Antía Alberte, manifestou que hai unhas semanas "ninguén foi axudar" e que na Xunta dixeron ao Concello que esperase "a ver se a empresa mandaba alguén que se fixese cargo". Con todo, enviaron operarios a recoller "máis de 53 sacos" antes de que rebentasen.

Ademais, Rosana Pérez insiste en que se debe atender o sector do mar e a "situación drámatica" na que se atopa desde o mes de outubro polas "grandes perdas económicas" debidas á alta mortaldade de moluscos.

Tardía resposta da Xunta

A Xunta da Galiza, pola súa parte, non ofreceu resposta sobre o acontecido até esta pasada quinta feira, cando, por medio da Consellaría do Mar, informou de que está a traballar "na detección e seguimento da aparición destes materiais para a súa posterior retirada ou limpeza por parte das administracións competentes".

"Sendo os concellos os competentes en realizar eses traballos de limpeza, trasladouse xa aos municipios das zonas afectadas a máxima colaboración, facilitando o protocolo co que actuar e recoller toda a información dos traballos e custos asumidos por estas administracións para que posteriormente sexan trasladados á empresa", engadiron, nun comunicado.

Comentarios