O BNG urxe a retirada da Orde que regula as novas tarifas eléctricas, en vigor desde o 1 de xuño

Pide abrir un novo proceso para regular unhas tarifas eléctricas que non prexudiquen a consumidores, particulares nin Pemes.
Rego durante unha sesión plenaria. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)
photo_camera Néstor Rego. (Foto: E. Parra / Europa Press).

O BNG vén de rexistrar no Congreso varias iniciativas co obxectivo de que o Goberno do Estado retire o Proxecto de Orde pola que se estabelecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade para abrir un novo proceso que permita acometer con garantías os cambios que se deben incluír.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, urxe reconsiderar a repartición de custos e portaxes para que, tanto consumidores domésticos como profesionais, non sufran o impacto que o actual deseño suporía. Así, consideran necesario facer unha valoración conxunta de todos os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica, para eliminar o Imposto Especial de Electricidade e baixar o IVE ao tipo súper reducido de 4%, aplicado a produtos de primeira necesidade, para conseguir abaratar a factura.

Novos tramos horarios

O pasado mes de marzo, o Consello de Ministros aprobou un Real Decreto polo que se estabelecía unha metodoloxía de cálculo dos cargos do sistema eléctrico que, xunto ás portaxes do sistema fixados pola Comisión Nacional do Mercados e da Competencia (CNMC), conformarían a parte regulada da factura eléctrica de cada consumidor. Esta reforma, prevista para ser aprobada en 2020, foi adiada pola pandemia e entrará en vigor o próximo 1 de xuño.

"O BNG considera que esta norma vai xerar un impacto negativo nos consumidores e consumidoras polo que é necesaria a retirada da norma, tendo en conta que afectará a importantes sectores da poboación que xa están a sufrir as graves consecuencias polo impacto económico das restricións debidas á Covid-19", afirma o deputado nacionalista.

As tarifas estabelecidas pola Orde, implicarán que o tramo máis caro abranguerá entre as 10 e 14 horas da mañá e entre as 18 e 22 horas da tarde. Pola contra, o tramo máis barato situarase entre a medianoite e as oito da mañá. Segundo os datos que aporta Rego, na Galiza "o cambio nas tarifas afectará a máis de medio millón de fogares adheridos ao sistema anterior e que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar 30%".

Explotacións gandeiras

O BNG destaca, ademais, o impacto que tamén terá o cambio en determinadas actividades económicas cunha forte implantación na Galiza como son as pequenas explotacións gandeiras, ao coincidir os horarios do período punta da tarifa con tarefas de alto consumo enerxético. "Na Galiza existen máis de dez mil explotacións que se van a ver afectadas por estes cambios sen alternativa posíbel", xa que segundo estima, unha explotación gandeira concentra 40% do seu consumo entre as 8 e as 13 horas e entre as 18 e 23 horas polo que o incremento medio da factura anual será de máis de 50%.

Esta Orde, advirte, afecta a outros consumidores cun perfil de consumo semellante, como pode ser o da hostalería e o resto de Pemes, “pois a súa actividade debe desenvolverse necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía”, explica Néstor Rego.

“Non resulta lóxico acometer un cambio normativo deste calibre sen ter en conta outros aspectos da composición da factura cun peso relevante e que tamén deben ser revisados como é a eliminación do imposto especial da electricidade ou o a redución do tipo de IVE que debe aplicárselle”, conclúe o deputado do BNG.

Comentarios