A mudanza no sistema de tarificación da luz abre a porta a simplificar as facturas

Competencia pide ao Ministerio de Transición Ecolóxica que aproveite a mudanza de tarifas para ampliar a información que ofrece ás persoas consumidoras.
Operaria de Endesa. (Foto: Endesa)
photo_camera Os cambios na tarifa da luz obrigarán a reprogramar 29 millóns de contadores intelixentes no Estado español (Foto: Endesa).

O vindeiro 1 de xuño entra en vigor o novo sistema de tarificación eléctrica. Aproveitando esta circunstancia, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) recomenda ás eléctricas que clarifiquen a información que ofrecen ás persoas consumidoras, en especial os aspectos que lles poden axudar a ser máis eficientes no consumo eléctrico.

No seu informe sobre a proposta de resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas pola que se estabelece o contido mínimo e o modelo de factura de electricidade, o regulador propón aclarar na primeira páxina da factura o tipo de tarifa contratada (libre mercado ou regulada), así como a potencia máxima demandada durante o mes, o que facilitará a adaptación á nova estrutura do sistema, que permite contratar dúas potencias distintas no período ás pequenas consumidoras.

Para Competencia tamén sería conveniente incluír na nova factura aspectos como o consumo facturado comparado con outros meses, o resumo dos importes que compón a factura e a súa porcentaxe sobre o importe final ou a posibilidade de solicitar a factura electrónica ou mesmo de presentar unha reclamación

Nova estrutura

A nova estrutura de peaxes e cargos eléctricos, que afectará á facturación das persoas consumidoras, levou o Ministerio para a Transición Ecolóxica a modificar a factura que recibe a clientela acollida á tarifa regulada (PVPC) cunha potencia contratada inferior aos 15 kW, entre a que se atopan as consumidoras domésticas, as pemes, a hostalaría e as explotacións gandeiras, entre outras.

A fórmula escollida para a nova tarifa é similar á existente na actualidade de discriminación horaria (2.0 DHA). Terá dous prezos diferentes para o consumo de electricidade en función da hora do día, cunha zona rasa (entre as 22 e as 12 horas no inverno) e unha zona punta (de 12 a 22 horas). A máis estendida, a tarifa 2.0A ten o mesmo prezo para todas as horas do día.

Segundo denunciou a CIG, que reclama unha tarifa enerxética propia para a Galiza, os fogares galegos poderían ver incrementada a súa factura anual da luz entre un 14% e un 32% debido á nova regulación tarifaria.

Na Galiza hai máis de medio millón de persoas coa tarifa 2.0DHA, a tarifa doméstica por excelencia, que relevou a antiga tarifa nocturna, da cal verán como sube a súa factura enerxética sen que dispoñan de ferramentas que lles permitan desprazar os consumos de cociña ou calefacción a horarios con peaxes máis baratas, que pasan de 14 a 8 horas ao día.

Tamén resultarán afectadas as máis de 10.000 pequenas explotacións gandeiras do país, que verán engordado o seu recibo enerxético en máis de 800 euros, posto que as tarefas de alto consumo coinciden cos horarios do período punta da tarifa e non se poden desprazar a outros con peaxes máis baratas. 

O sindicato calcula que o incremento medio da factura anual para este colectivo será do 41,09% e as novas tarifas terán un impacto semellante noutras actividades con similar perfil de consumo, como pode ser a hostalaría, un sector fortemente golpeado pola actual pandemia.

Comentarios