Parlamento

Primeira xuntanza do grupo do BNG, que promete unha oposición "en positivo" centrada en ofrecer "alternativas"

O Bloque de Ana Pontón enfoca esta nova lexislatura como unha oportunidade para evidenciar desde o Parlamento "que hai outra forma de facer política e de entender o país".
Foto de familia do grupo parlamentario do BNG, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Foto de familia do grupo parlamentario do BNG, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)

O BNG reuniu esta segunda feira por vez primeira o seu novo grupo parlamentario, composto por 25 deputados e deputadas encabezadas pola líder nacionalista, Ana Pontón, que avanzou que realizarán unha oposición "en positivo" centrada en ofrecer "alternativas" para explicar á cidadanía "que faría un goberno do BNG". Pontón e os 24 representantes electos nos comicios de febreiro mantiveron o seu primeiro encontro e fixéronse a primeira foto de familia no Pazo do Hórreo, onde a líder nacionalista subliñou que teñen o reto de estar "á altura" da confianza depositada polos galegos nunhas eleccións nas que o Bloque logrou o seu mellor resultado histórico.

Para a portavoz, os resultados do 18 de febreiro son "un aliciente para traballar máis e mellor" pola Galiza a través dunha función de oposición que queren enfocar á escenificación de que existe unha "alternativa" a un PP que, ao seu xuízo, "vai mostrar a súa cara máis absolutista". E é que considera que existen "moitos sinais" de que os populares van tratar de "trasladar a crispación madrileña" á política galega, o que a levou a apelar a que "non caian na soberbia" e "escoiten as 700.000 persoas que optaron por outras opcións políticas".

Así as cousas, Ana Pontón matizou que o Bloque enfoca esta nova lexislatura como unha oportunidade para evidenciar desde o Parlamento "que hai outra forma de facer política e de entender o país". Para iso, o "renovado" grupo parlamentario, que "combina experiencia con novas incorporacións" —repiten 16 dos 19 deputados que finalizaron a pasada lexislatura— tratará de "dar voz" á xente que o pasado 18 de febreiro manifestou nas urnas "que quería unha alternativa diferente".

"Non nos imos limitar á crítica, senón que a cada problema explicaremos cal é a alternativa que ten o BNG e que solución daría un goberno do BNG", aseverou Pontón, que cre que "os problemas" da Galiza "seguen sendo os mesmos" após o 18 de febreiro. Deste modo, incidiu en que o Bloque proporá as súas medidas alternativas a asuntos como o acceso á vivenda, a sanidade e a educación pública, a "falta de oportunidades" para a xente nova ou a loita contra o cambio climático.

Empresa pública de enerxía

Pontón tamén vanzou que a primeira iniciativa parlamentaria da lexislatura que botará a andar a vindeira semana será unha proposición de lei para a creación dunha empresa pública de enerxía e dunha tarifa eléctrica galega. "Porque fronte a un PP empeñado en pór a nosa riqueza en mans de empresas e multinacionais para que se sigan forrando os de sempre, no BNG estamos empeñados en pór a riqueza eléctrica deste país ao servizo das familias e das empresas", sentenciou.

Comentarios