O BNG reivindica a soberanía de Galiza na multitudinaria festa do PCP

Unha delegación nacionalista galega acudiu á Festa do Avante! que este ano celebra volve reunir a decenas de organizacións anti-imperialistas de varios países.

avanteII
photo_camera Delegación do BNG no Avante! do PCP

Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego, encabezada por Néstor Rego e Montse Prado, ambos da Executiva, está a participar na Festa do Avante!, o que a formación nacionalista considera “o máis importante evento político-cultural do ano en Portugal”, organizado polo Partido Comunista Português (PCP).

Dentro das conmemoracións do 40 aniversario do 25 de Abril, celebrouse un Seminario Internacional sobre a situación da Europa e do mundo 40 anos após a Revolução dos Cravos, encontro en que participaron varias decenas partidos comunistas e organizacións progresistas e anti-imperialistas doutros tantos países.

Rego falou en nome do BNG para lembrar "as vantaxes para Galiza de se constituír en Estado soberano"

En nome do Bloque, o dirixente Néstor Rego interviu para explicar a loita do nacionalismo galego pola autodeterminación e defender o dereito á soberanía e “as vantaxes para Galiza de se constituír en Estado soberano”. Destacou que o feito de “Galiza se dotar dunha estrutura de estado permitiría decidir libremente, sen inxerencias externas, aquilo que máis conviñer aos intereses do pobo galego, ao seu desenvolvemento  social e económico e á creación de emprego”. Rego enfatizou que a soberanía permitirá non só desenvolver plenamente a   personalidade da Galiza, “rompendo a dependencia de España”, como tamén “posibilitará construír unha sociedade radicalmente nova, realmente democrática, libre, xusta, igualitaria e con benestar”.

O BNG manterá durante os tres días que dura a Festa, un stand informativo para achegar a realidade da Galiza e as propostas do nacionalismo aos millares de persoas que a visitan. Ao tempo, manterá tamén contactos e reunións bilaterais non só coa forza anfitrioa, o PCP, senón tamén “con moitas outras organizacións e partidos de distintos países, fundamentalmente da América Latina e da Lusofonía”

Comentarios