Parlamento

Pontón ve o novo portavoz do PP "máis en liña coa evolución ultra" do partido

"Nas súas intervencións no Parlamento non destaca por ser unha persoa nin dialogante, nin coa man tendida. En realidade, todo o contrario", sinala a líder da oposición ao ser preguntada pola elección de Alberto Pazos desde o Partido Popular.
Rolda de prensa da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou esta segunda feira en rolda de prensa que o novo portavoz parlamentario do PPdeG —en substitución de Pedro Puy, que marchou ao Congreso da man de Alberto Núñez Feixoo—, Alberto Pazos, representa "ese PP que tivo sempre unha actitude menos dialogante" e que vai "máis en liña coa evolución ultra" do partido conservador.

"Espero que vexamos tamén un cambio na actitude dun portavoz parlamentario que o certo é que nas súas intervencións no Parlamento non destaca por ser unha persoa nin dialogante, nin coa man tendida. En realidade, todo o contrario", manifestou Pontón. A continuación, desexoulle "o mellor no persoal", mais porfiando en enmarcalo na "evolución ultra" dos populares. "[Un PP] Que camiña cara a posicións máis ultras, de menos diálogo e que se afastan do que ten que ser a política", sentenciou.

Á designación de Pazos como voceiro tamén se referiu o portavoz dos socialistas na Cámara galega, Luís Álvarez, quen o felicitou e afirmou que del espera que "prime a cordialidade" e o "respecto institucional", e que "estea á altura" do seu predecesor, Pedro Puy.

O historial de Pazos

José Alberto Pazos Couñago leva desde 2016 no Parlamento da Galiza, onde xa fora deputado en 2013. Nestas dúas últimas lexislaturas foi, sucesivamente, portavoz de Exteriores e Cooperación, de Política Social e de Sanidade. Actualmente era viceportavoz segundo do grupo parlamentario popular.

Previamente foi concelleiro en Redondela, deputado provincial e, entre 2013 e 2016, director xeral de Administración Local na Xunta, dentro da Vicepresidencia. Pazos tamén ocupou cargos importantes na estrutura do PPdeG: entre 2016 e 2022 foi secretario de Organización e, desde 2022, vicesecretario de Familia.

En 2019, saltou aos medios de comunicación por defender o pacto alcanzado polo PP de Andalucía con Vox porque, declaraba daquela, "axudou a acabar coa corrupción sistémica" do PSOE. Desde aquela, destacou como un defensor de posicións extremas, cualificando de "bulos" as críticas polas deficiencias na sanidade ou declarando que "para os galegos resulta máis complicado acceder ao pazo de Meirás cando está a ser custodiado polo Goberno que cando estaba en mans da familia Franco".

Comentarios