José Alberto Pazos Couñago será o novo voceiro parlamentario do PPdeG

Defensor dos pactos con Vox e crítico coa expropiación do Pazo de Meirás á familia Franco, Pazos Couñago era, na actualidade, era vicevoceiro segundo do Grupo Parlamentario Popular.
Pazos Couñago
photo_camera Pazos Couñago

O presidente da Xunta e líder do PP, Alfonso Rueda, proporá ao deputado José Alberto Pazos como novo voceiro parlamentario do seu grupo logo da marcha de Pedro Puy a Madrid tras ser fichado para as listas do PP por Feixoo.

Segundo indicaron fontes próximas ao presidente, a "ampla experiencia" de Pazos tanto a nivel parlamentario como no partido, na política municipal e autonómica "permitiralle exercer o cargo coa ambición e visión de conxunto que require, sucedendo a un gran voceiro como Pedro Puy”.

Pazos Couñago leva desde 2016 no Parlamento da Galiza, onde xa fora deputado en 2013. Nestas dúas lexislaturas foi, sucesivamente, voceiro de Asuntos Exteriores e Cooperación, de Política Social e de Sanidade.

En 2019, saltou aos medios de comunicación por defender o pacto alcanzado polo PP de Andalucía con Vox porque, declaraba daquela, "axudou a acabar coa corrupción sistémica" do PSOE. Desde aquela, destacou como un defensor de posicións extremas, cualificando de "bulos" as críticas polas deficiencias na sanidade ou declarando que "para os galegos resulta máis complicado acceder ao Pazo de Meirás cando está a ser custodiado polo Goberno que cando estaba en mans da familia Franco".

 

Na actualidade era vicevoceiro segundo do Grupo Parlamentario Popular. Anteriormente foi concelleiro en Redondela, deputado provincial e, entre 2013 e 2016, director xeral de Administración Local da Xunta, dentro da Vicepresidencia.

Alberto Pazos tamén ocupou cargos importantes na estrutura do PPdeG: entre 2016 e 2022 foi secretario de Organización e, desde 2022, vicesecretario de Familia.

 

Comentarios