BNG propón un "acordo nacional" sobre as deputacións cun programa orientado á súa desaparición

Xavier Vence fala dun “acordo programático” que, tendo como fin a supresión das entidades, traballe pola súa transparencia e a fin da discrecionalidade e o clientelismo. “O reparto de cargos é unha moi mala maneira de empezar unha negociación”, manifestou o portavoz nacional do BNG.

vence_capa
photo_camera vence_capa

O BNG expuxo esta quinta feira a base programática que propón como base para dialogar e chegar a acordos con outras forzas políticas de cara ás deputacións, “fuxindo dun mero reparto de cargos ou de áreas”, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence.

“Non queremos que a casa se empece a construír polo tellado senón polos alicerces, polas bases, que son un acordo programático”, dixo Vence, que se referiu como un dos puntos básicos a acadar un “compromiso político” que permita camiñar “cara á desaparición das deputacións” como institucións redundantes dentro dun modelo centralizador. Neste sentido, dixo, “o reparto de cargos é unha moi mala maneira de empezar unha negociación”

Medidas concretas

A proposta do Bloque inclúe “adelgazar” a estrutura e o funcionamento das deputacións mediante a transferencia de competencias cara á Xunta e cara aos concellos, ben como inverter o proceso da reforma da local que reforza as deputacións en detrimento da autonomía dos concellos, e impulsar a cooperación e prestación de servizos entre concellos a través de estruturas comarcais.

Finiquitar clientelismo

Outro aspecto concreto na proposta é a xestión do orzamento das deputacións, por volta de 450 millóns de euros anuais, que o BNG entende que deben distribuírse “con criterios obxectivos en aras do reequilibrio territorial, poñer coto á discrecionalidade e finiquitar o reparto de recursos en base a criterios partidististas, clientelares ou caciquís”.

Xa no que atinxe á conformación de posibéis gobernos provinciais, Vence considera paso previo imprescindible “un acordo sobre os principios programáticos, obxectivos e plans estratéxicos para transformar as deputacións en institucións completamente diferentes ás que hoxe nos deixa o PP”.

Comentarios