O BNG pide un pleno extraordinario sobre a vaga de lumes
O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, anunciou esta sexta feira o rexistro dunha solicitude para convocar “de maneira urxente” a Deputación Permanente do Parlamento da Galiza e facer un pleno extraordinario "no que o presidente da Xunta dea conta da actuación do seu Goberno diante da gravísima crise provocada polos incendios forestais”.
Bará advertiu de que se trata “dun dos maiores desastres do século na Galiza”, que provocou “consecuencias dramáticas a nivel social, económico, ambiental e humano, con varios focos aínda fóra de control, calcinando hectáreas e ameazando vivendas.
En rolda de prensa, o deputado nacionalista criticou que, na época de maior risco de lumes, "a Xunta non mobilizase todos os medios dispoñíbeis", e denunciou o “caos e a improvisación” dun sistema de extinción que o propio Executivo galego cualificaba hai uns meses como “o mellor de Europa”. Tamén reclamou “explicacións” do Goberno galego polas “decisións erráticas” adoptadas nos últimos días, e polos “incumprimentos” das recomendacións do ditame parlamentario de 2017 –elaborado nunha comisión por todos os partidos logo da vaga de fogos daquel ano–, así como polo “abandono” das políticas de prevención.
"Falta de transparencia"
“Rueda debe responder tamén pola falta de transparencia na información ofrecida á cidadanía e polos atrasos na posta en marcha de medidas preventivas e de apoio ás comunidades de montes”, engadiu Bará, quen asegurou que “chegou o momento de abrir o Parlamento para un debate serio, rigoroso e construtivo no que toda a sociedade galega poida escoitar explicacións e propostas para superar esta crise”.
O parlamentario do BNG insistiu, ademais, na necesidade dun "plan de 200 millóns de euros" para compensar os danos provocados por esta vaga de lumes e impulsar a recuperación das zonas devastadas polos incendios. Ademais, sinalou que é preciso “un cambio de rumbo radical” nas políticas de xestión forestal, territorial e de medio rural promovidas desde a Xunta da Galiza. “Estes incendios deben marcar un antes e un despois”, concluíu o deputado, que reclamou do Executivo de Rueda “responsabilidade, compromiso e medidas á altura da gravidade da situación”.
