BNG pide unha investigación "con carácter inmediato" sobre as pintadas ameazantes contra Da Silva

“Non van amedrentarnos”, di Ana Pontón, que quixo transmitir a “total solidariedade” da organización para coa concelleira e candidata nacionalista.

pintada - foto lores

O BNG pide que se abra “unha investigación con carácter inmediato” sobre as pintadas ameazantes que esta fin de semana apareceron perto da casa de Carme Da Silva, concelleira nacionalista en Pontevedra e candidata do BNG ás eleccións xerais do 28A. A portavoz nacionalista, Ana Pontón, quixo transmitir a “total solidariedade” da organización para con Da Silva e cualificou como “intolerábeis” as ameazas.

Na pintada, o nome da concelleira aparecía dentro dun punto de mira. “Non van amedrentarnos”, sinalou Pontón, que considera que “ten que haber unha resposta” a estas ameazas e incidiu en que as mesmas non van frear o compromiso do BNG para cunha “Pontevedra e Galiza mellor”.

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, xa emitira unha mensaxe de solidariedade á súa número dous a través da conta de twitter: “Quero manifestar todo o meu apoio á nosa compañeira. Imos continuar a defender os intereses de Pontevedra por riba de todo”.

Comentarios