O BNG pedirá a Madrid a transferencia da competencia de "ordenación e xestión" do litoral

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, expresou a súa desconformidade coas "decisións que se están tomando desde Madrid" en relación ao litoral galego.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, expresou a súa desconformidade coas "decisións que se están tomando desde Madrid" en relación ao litoral e anunciou que presentará unha iniciativa lexislativa na Cámara galega para pedir ao Congreso a transferencia á Galiza da "ordenación e a xestión da costa".

En rolda de prensa despois de reunirse con empresarios do complexo mar-industria, Ana Pontón lamentou onte que as "mudanzas que se están producindo" a nivel estatal na lexislación de costas están "a introducir incerteza en sectores económicos tan importantes para a Galiza como este".

"Compartimos a preocupación que teñen sobre as decisións, que están a xerar inseguridade xurídica e que non teñen en conta cal é a realidade da costa e do sector no noso país", dixo Pontón, que lembrou que "non se pode lexislar sen coñecer" e que "é discriminatorio tratar igual o que é diferente".

Perante esta situación, Pontón avanzou que o BNG presentará "iniciativas no Parlamento para defender o emprego e o sector mar-industria na Galiza para darlle garantías de futuro". Así mesmo, avanzou que o BNG, no actual período de sesións, presentará na Cámara galega dous proxectos de lei para remitir ao Congreso co obxectivo de "dar apoio ao sector mar-industria".

O primeiro deles pasa, como xa se mencionou, por reclamar a transferencia á Galiza da ordenación e a xestión do territorio litoral, unha cuestión "fundamental", segundo Ana Pontón. Por outra parte, unha segunda iniciativa lexislativa pedirá unha modificación na lei do cambio climático para que non se aplique ao sector do mar industria. "Hai moitas actividades que se poden ver afectadas e que seguen tendo que estar no litoral", explicou a líder nacionalista.

"Evitar incertezas"

Tras o encontro co BNG, compareceu tamén ante os medios o presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites, quen pediu aos grupos políticos que se leven a cabo medidas para evitar que o sector sufra de incertezas, que "prexudican calquera tipo de investimento". 

Na mesma liña que Pontón, Vieites lembrou que "o litoral galego non ten nada a ver co mediterráneo" e pediu "participar de todos os cambios que se queiran realizar" para que este sector non se vexa prexudicado. "Restrinxir a economía litoral na Galiza é restrinxir un dos sectores básicos e estratéxicos da nosa economía", dixo.

Comentarios