ELECCIóNS 26 DE XUñO

BNG-Nós Candidatura Galega apresenta un programa "claro e concreto" para a "maioría social deste país"

Os candidatos da formación expuxeron os eixos principais dun programa electoral para “rematar coa situación de emerxencia nacional e social” e garantir que Galiza teña "voz e veto" en todas as cuestións que lle afecten. Vídeo no interior

BNG Noa Carlos Olalla Luis Irene Pin
photo_camera Foto: Irene Pin

As catro persoas candidatas do BNG-Nós Candidatura Galega nas eleccións do 26 de xuño presentaron esta quinta feira en Compostela os rasgos principais do programa co que a fronte nacionalista concorre a esta cita coas urnas, unhas propostas, en palabras de Carlos Callón, cabeza de lista pola Coruña; “claras e concretas”. Os nacionalistas lembraron que as enquisas apontan a un escenario post-26X no que a suma das forzas estatais “non chegue” para formar goberno. Situación na que van facer falla os nacionalistas, dixo. “Catalunya e Euskadi van estar [nas Cortes españolas]. Se non está o BNG, Galiza non estará”, afirmou Callón. E “o BNG non dá cheques en blanco”, engadiu, indicando que Galiza precisa “voz e veto” en todas aquelas cuestións que lle atinxan e que a candidatura é a única que pode garantir iso.

"Os recursos de Galiza non poden ser un botín para pseudo-panameños" (Carlos Callón)

Reverter os recortes

A candidata do BNG-Nós Candidatura galega por Lugo, Olalla Rodil, defendeu a necesidade dunha “economía posta ao servizo” da sociedade, defendendo unha reforma fiscal progresiva que grave máis ás rendas máis altas, para alén de avogar porque as empresas que operen en Galiza tributen aquí. Medidas coas que sentar as bases sobre as que reverter os recortes en ensino, educación e avanzar en ámbitos sociais.

"As empresas que operan aquí teñen que tributar aquí. Boa parte das que explotan os nosos recursos non o fan" (Olalla Rodil)

“Defendemos un cambio profundo do modelo político-económico”, explicou Luis Bará, cabeza de lista por Pontevedra, incidindo en que só a presenza do nacionalismo nas Cortes garante que “Galiza estea”. Puxo o programa electoral como un exemplo de propostas e compromisos cos que facer fronte “á emerxencia nacional e social” que atravesa o país. Propostas para os sectores produtivos, para que o aforro galego non emigre como investimento a outros territorios, pola retirada de ENCE ou polo incremento do investimento en I+D+i até o 2% do PIB foron algunhas das cuestións que debullou Bará.

"Resumiría este programa en 2 palabras: crer e querer. Crer neste país e no seu potencial, e querer sacalo adiante" (Luis Bará)

“É unha oportunidade”

O 26 de xuño os galegos teñen nas urnas unha nova oportunidade para que Galiza “obteña representación”, insistiu Noa Presas, unha oportunidade para “rematar coa situación de emerxencia” na que está o país. A candidata por Ourense considera que os meses transcorridos desde as pasadas eleccións do 20D amosan quen “perdeu o tempo en platós de televisión” no canto de se preocupar por resolver os problemas reais das persoas.

"Nestes meses, mentres uns estaban perdidos en platos de televisión, a maioría seguía sufrindo" (Noa Presas)

Defendeu a derrogación das reformas laborais, a prohibición das ETTs e o ámbito galego de negociación laboral, para alén da tarifa eléctrica galega ou a xornada de 35 horas. Cuestións que son chaves, afirmou, para beneficiar “as maiorías sociais”.

Comentarios