O BNG de Muras acusa PP e PSOE de faceren "pinza" para "bloquear o funcionamento do Concello"

"Para xustificar o voto en contra das dúas dedicacións parciais, o PP e o PSOE dixeron que estaría dispostos a votar só a do alcalde, e cando tiveron oportunidade de cumprir no mesmo pleno a súa palabra, volveron  votar en contra dela" explican desde o BNG.
Manuel Requeixo, alcalde de Muras (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuel Requeixo, alcalde de Muras (Foto: Nós Diario).

Após o pleno decorrido en Muras na tarde desta quinta feira, desde o BNG. Formación de Goberno no municipio, sinalan que "unha vez mais voltamos comprobar como, o Partido Popular e a portavoz socialista manteñen unha alianza para tratar de bloquear o concello de Muras”.

Segundo os nacionalistas, ambos partidos da oposición están “empeñados en facer pinza contra o goberno local, aínda que sexa a costa de privar os veciños e veciñas do normal funcionamento do Concello e de que sexan atendidos no día a día”. A polémica vén dada pola dedicacións do concello.

“Para xustificar o voto en contra das dúas dedicacións parciais, o PP e o PSOE dixeron que estaría dispostos a votar só a do alcalde, e cando tiveron oportunidade de cumprir no mesmo pleno a súa palabra, volveron  votar en contra dela" explican desde o BNG.

"Esta incoherencia, é froito da desesperación e da inmaturidade política da oposición, que xa non sabe que facer para bloquear e desgastar o alcalde, porque lles vale todo, con tal de impedir que Muras siga progresando e mellorando nos servizos e na atención pública co BNG no goberno. Mais, polo benestar da veciñanza de Muras, non llelo imos permitir" afirman.

"Desde o Bloque Nacionalista Galego consideramos unha auténtica irresponsabilidade a conducta da oposición, sobre todo a da edil do PSOE, Jennifer Gómez, que facilitou a investidura do alcalde do BNG para despois obstaculizar por todos os medios o goberno, unha actuación que só prexudica a veciñanza".

Para alén diso, desde o BNG apuntan que “non se pode estar mentindo e mentindo, unha vez tras outra, nin á veciñanza nin á militancia do PSOE. Ofrecémoslle en máis de cinco ocasións entrar no goberno, elixindo a área que quixera, para conformar un goberno transformador para que Muras siga avanzando, e aínda descoñecemos as razóns da negativa", explicaron.

"Pretenden derrocar o BNG"

O alcalde, Manuel Requeixo considera que “á vista de todos queda patente a alianza entre o PP e o PSOE de Muras, que como non conseguiron derrocar o BNG nas urnas, pretenden facelo agora deste modo. Do PP podía esperalo, pero do PSOE, que até hai tres días compartía goberno, propostas e inquedanzas con nós, non”.

O Alcalde cre que “ao PSOE de Muras fáltalle criterio político, non se pode dicir unha cousa hoxe, e mañá outra, e menos faltando á verdade. A política non é un xogo de mesa, o que está en xogo son os dereitos das veciñas e veciños, que só esperan que o concello funcione correctamente, goberne quen goberne”.

Comentarios